Iniciada a selección dos 23 beneficiarios do obradoiro de emprego Cultur@Lvcvs

Dende primeiros de agosto e ata o 31 de xaneiro recibirán formación especializada en cultura e turismo para mellorar as oportunidades de inserción laboral

Martes, 21 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Entre este martes e o xoves desenvolverase o proceso de selección dos 23 beneficiarios do obradoiro de emprego Cultur@Lvcvs, que dende primeiros de agosto e ata o 31 de xaneiro recibirán formación especializada en cultura e turismo para mellorar as súas oportunidades inserción laboral. A selección dos beneficiarios, que tiveron que dirixirse previamente ás oficinas de emprego, ten lugar unha vez completada a do director e os tres monitores do obradoiro.

Cultur@Lvcvs conta cun orzamento de 204.318 euros e ten unha duración de seis meses, que inclúen prácticas na rede museística municipal.

Conta con tres especialidades: Dinamización, Programación e Desenvolvemento de Accións Culturais (con 8 prazas); Interpretación e Educación Ambiental (con 7 prazas); e Promoción Turística Local e Información ao Visitante (con 8 prazas). O obxectivo é a creación e desenvolvemento de proxectos de animación cultural que busquen a promoción de actividades, a creación dunha canle cultural pública e virtual, a creación e desenvolvemento de visitas guiadas en contornas naturais e as principais características medioambientais da zona, e tamén a atención e asesoramento dos visitantes ante a solicitude de información turística e a planificación dunha campaña turística.

Os participantes obterán os certificados profesionais homologados pola Xunta de Galicia para desenvolver estes traballos.

O Concello de Lugo xa ten experiencia no desenvolvemento deste tipo de obradoiros, como foi o Arqueo Lvcvs e o Vrbs Lvcvs, que permitiron dixitalizar unha parte importante do patrimonio histórico e documental lucense.

Noticias relacionadas