A Xunta considera como "interese xeral" privar a Lugo das infraestruturas previstas no Plan Paradai

Lunes, 09 de julio de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O concello de Lugo estudará a idoneidade de presentar un recurso Contencioso – Administrativo contra a decisión do executivo do partido popular

Paz Abraira cualificou hoxe como como “unha tomadura de pelo” a resolución ditada polo executivo do Partido Popular na que a Xunta resolve desistir do convenio asinado co Concello de Lugo para a execución das obras pendentes do Plan Paradai. Para a concelleira nacionalista responsable da Área de Infraestruturas e Axenda 21 “non é de recibo que dende a Xunta se achaque ao interese xeral a supresión deste convenio e que se faga de xeito unilateral”. Paz Abraira anunciou tamén que o concello “estudará a idoneidade de presentar un recurso Contencioso – Administrativo contra a decisión do executivo do partido popular”.

A Xunta de Galiza, mediante a Axencia Galega de Infraestruturas, comunicou por escrito ao Concello de Lugo o desistimento no convenio asinado o seu día para desenvolver as obras do chamado Plan Paradai. No citado escrito a Xunta de Galiza resolve desistir “por razóns xustificadas de interese público, do convenio de colaboración asinado o 10 de febreiro de 2009 entre a antiga Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e o Concello de Lugo”. A través deste escrito queda anulado as obras previstas no Plan Paradai, concretamente as obras de “Ponte Paradai-Serra de Meira. Fase 2”, “Ponte Paradai-Avda Conde Fontao” e “Estrada As Gándaras”.

A edil de Infraestruturas e Axenda 21 considera “inaceptable” o incumprimento do convenio para a execución das obras do Plan Paradai e rexeita a decisión da Xunta de deixar sen executar máis de 6 millóns de euros alegando problemas orzamentarios e “interese xeral”. Abraira dixo que con este escrito “confírmase que a mesma Xunta é incapaz de executar os seus propios orzamentos e de cumprir cos compromisos adquiridos”, recordando que para este ano estaban orzamentados 2,2 millóns de euros para estas obras.

O convenio, que agora a Xunta desiste de xeito unilateral, contemplaba a execucións das obras pendentes, antes de 2014, incluídas as previstas en Ponte Romai-Calzada das Gándaras e en Rúa Alta-Praza de Conde Fontao, que agora quedarán paralizadas pola Xunta de Galiza. Paz Abraira sinalou que “cando se remate, o Plan Paradai levará 20 anos executándose para un investimento de tan só 17 millóns de euros”.

Incumprimento dos Orzamentos da Xunta para este ano

A recepción deste escrito no concello de Lugo confirma as pretensións da Xunta de Galiza de executar só 3,5 dos 9,7 millóns de euros previstos para a finalización do Plan Paradai. Estes cartos irían destinados a construción da Ponte Paradai e a súa conexión con Serra de Meira e a Rúa Monforte; as outras dúas obras, a Estrada das Gándaras e a mellora do tráfico no entorno da Estación de Ferrocarril quedarían suspendidas sen data para a súa realización. Deste xeito, a Xunta incumpre os seus propios Orzamentos aprobados para este ano, nos que se recollían integramente as cantidades fixadas no convenio para a execución do Plan Paradai (2,2 millóns de euros en 2012; 2,5 millóns o ano que vén e 4,9 millóns en 2014).