Concello e Deputación colaboran no asesoramento a emprendedores de Lugo

Viernes, 18 de julio de 2014
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Economía, Emprendemento e Autónomos, que dirixe Sonia Méndez, comunica que o vindeiro martes, día 22 de xullo, terá lugar a presentación do proxecto Dinamiz@te da Deputación provincial ós emprendedores instalados no Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo.

O Concello e a Deputación provincial colaboran deste xeito para poñer a disposición dos emprendedores do CEI-Nodus novas posibilidades de asesoramento que contribúan a que teñan éxito os seus proxectos empresariais. 

O obxecto do proxecto Dinamiz@te, para a dinamización do tecido produtivo de Lugo, é asesorar ás empresas de balde, para que poidan definir accións de reducido custo ou investimento e que lles repercutan a curto prazo nun incremento das vendas.

Para elo facilítanse ós emprendedores distintas ferramentas que lles axudarán a facer máis rendible o seu proxecto empresarial. Entre outras medidas, ponse ó seu dispor asesoramento para abrir novos mercados e ofréceselles facer unha análise dos segmentos de cliente, os seus canais de venda, os seus medios de promoción on-line e off-line e se despoñen de métodos de fidelización ou avaliación da percepción do cliente.

A presentación do proxecto Dinamiz@te no CEI-Nodus correrá a cargo de técnicos da Deputación e terá lugar o martes que vén a partir das 10.30 horas.