O Alcalde asina un acordo coa Xunta para que Lugo teña Auditorio, Centro da Romanización e vivenda taxada

Lunes, 11 de febrero de 2008
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, explicou as liñas que inclúe o protocolo asinado este venres entre o Concello de Lugo e as Consellerías de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, Vivenda e Cultura e Deporte para a construción do Auditorio de Lugo.

López Orozco suliñou que “hoxe é un día moi importante para a cidade. É de xustiza para os lucenses que Lugo teña Auditorio”. Con este protocolo a Xunta de Galicia e o Concello comprométense a dotar á cidade non só dun Auditorio, senón tamén dun Centro da Romanización no centro histórico da cidade e de 140 vivendas de promoción pública no “menor tempo posible”.

“Dedicaremos unha parcela de 13.700 metros cadrados situada en Magoi para o Auditorio, e o centro da cidade terá unha dotación pública tan importante como é o Museo da Romanización”.

O Alcalde dixo estar moi agradecido pola aposta tan importante feita “polo Presidente da Xunta de Galicia, que xa no seu momento se comprometeu a que Lugo tivera Auditorio, e polas tres Consellerías implicadas en que esto fose posible”.

Co acordo asinado hoxe a Xunta inviste en Lugo 40 millóns de euros e garante a edificación deste edificio tan demandado pola cidadanía de Lugo.

O proxecto do Auditorio en San Fernando pasou en tres ocasións polo Consello da Xunta, e cando ía ser licitado, un “oportuno” informe da Dirección Xeral de Patrimonio e outro de Icomos, órgano asesor da Unesco, advertiron de que se se contruía onde estaba previsto, a Muralla podería correr o risco de perder o título de Patrimonio da Humanidade.

Estos informes impediron que o Auditorio se construise antes das pasadas eleccións municipais. López Orozco destacou hoxe que “por nada do mundo quixera pasar á historia como o Alcalde que puxo en perigo o título da muralla que conseguimos co traballo de todos os lucenses”.

O Auditorio construirase na parcela que posúe o IGVS (A1 no plano) de 13.700 metros cadrados, a cambio o Concello entrega o Cuartel de San Fernando a Cultura para que nun prazo breve comece a facer os estudos, excavacións e o proxecto constructivo do futuro Museo da Romanización “que garantizará unha dotación cultural pública moi importante no centro da cidade, tal é como foi sempre o meu desexo e o de moitos lucenses”.

Na parcela de Magoi construiranse ademais 140 vivendas de promoción pública, co prezo taxado, e que contarán coas súas correspondentes dotacións. Nesta zona un goberno anterior, que agora reclama que sexa totalmente dotacional, aprobara a construción dun centro comercial e dunha gasolinera, ignorando os intereses e demandas dos veciños da zona.

A Conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, confirmoulle ao Alcalde que hai dúas alternativas para facer o proxecto, mediante un concurso ou mediante a realización dun proxecto singular, e que en poucos días visitará a cidade para facer pública a decisión

“Non ganamos unha dotación, ganamos dúas. Coa espera a cidade ganou”. Con este acordo Lugo obtén o Auditorio, o Centro da Romanización e vivenda taxada.