O Concello de Lugo continúa coa súa campaña de recollida de xoguetes

Jueves, 27 de diciembre de 2007
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo e a asociación Gremium MG continúan coa súa campaña de recollida de xoguetes con destino a nenos con poucos recursos económicos.Trátase dunha iniciativa solidaria para a que esperan a colaboración de todos os lucenses.

A Campaña de Xoguetes pretende concienciar e sensibilizar á poboación nestas datas previas ó nadal sobre a importancia de que todos os cativos reciban xoguetes.

O xogo é un dos elementos fundamentais de aprendizaxe na infancia, para que os máis pequenos desenvolvan as capacidades acordes á súa idade. Ademais o xogo potencia a creatividade, a imaxinación, o espírito de grupo e o coñecemento do contorno. Aprender a xogar é o primeiro paso para saber relacionarse e comunicarse, un aspecto fundamental para todas as persoas. O xogo é, en definitiva, un dos principais dereitos fundamentais do neno.

Esta campaña de recollida de xoguetes levarase a cabo grazas á colaboración desinteresada dos veciños dos municipio que poden levar os xoguetes non sexistas, non bélicos e non usados á Concellería de Muller e Servizos Sociais, á Casa da Muller, á Oficina de Xuventude e á asociación Gremium MG.

Ata o 4 de xaneiro realizarase a recollida de xoguetes no local da asociación (rúa Ramón Montenegro 18, a partir das 21:00 horas os venres e sábados), na Concellería de Muller e Servizos Sociais (Ronda da Muralla, nº 197, en horario de mañá), na Casa da Muller (Avenida da Coruña nº 212, en horario de mañá) e na Concellería de Xuventude (Centro Sociocultural Uxío Novoneyra, rúa Quiroga Ballesteros, 3ª planta de 9:00 a 14.30 horas e de 16:30 a 19:00 horas).