O Concello de Lugo inicia unha campaña de recollida de xoguetes

Martes, 04 de diciembre de 2007
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo e a asociación Gremium MG organizan unha campaña de recollida de xoguetes con destino a nenos con poucos recursos económicos. A Concelleira de Muller e Servizos Sociais, Carmen Basadre, e o representante do motoclub, Raúl Rocha, presentaron esta acción solidaria na que esperan a colaboración de todos os lucenses.

A Campaña de Xoguetes pretende concienciar e sensibilizar á poboación nestas fechas previas ó nadal ante a situación de desigualdade social existente. Son moitas as familias que viven en situación de pobreza, este feito repercute directamente en moitas nenas e nenos que ven afectado o seu desenvolvemento social, cognitivo e afectivo, e que se atopan nunha situación de carencias e necesidades sen cubrir. Unha destas necesidades é a falta de recursos para que estes nenos e nenas poidan acceder libremente ao xogo e gozar dos xoguetes. Así, a recollida de xoguetes enténdese como unha resposta por parte da cidadanía ante esta situación e como unha actividade máis de sensibilización.

O xogo é un dos elementos fundamentais de aprendizaxe na infancia, para que os máis pequenos desenvolvan as capacidades acordes á súa idade. Ademais o xogo potencia a creatividade, a imaxinación, o espírito de grupo, coñecemento do contorno. Aprender a xogar é o primeiro paso para saber relacionarse e comunicarse, un aspecto fundamental para todas as persoas. O xogo é, en definitiva, un dos principais dereitos fundamentais do neno.

Esta campaña de recollida de xoguetes levarase a cabo gracias á colaboración desinteresada dos veciños dos municipio que poden colaborar levando xoguetes non sexistas, non bélicos e non usados.

Do 7 de decembro ó 4 de xaneiro realizarase a recollida de xoguetes no local da asociación (rúa Ramón Montenegro 18, a partir das 21:00 horas os venres e sábados), na Concellería de Muller e Servizos Sociais (Ronda da Muralla, nº 197, en horario de mañá), na Casa da Muller (Avenida da Coruña nº 212, en horario de mañá) e na Concellería de Xuventude (Centro Sociocultural Uxío Novoneyra, rúa Quiroga Ballesteros, 3ª planta de 9:00 a 14.30 horas e de 16:30 a 19:00 horas).