Licenza urbanística

Código: 
256
Presentación: 
Presencial
Descarga

A licenza urbanística son os títulos administrativos regrados mediante os cales a administración competente permite a execución material dos actos de edificación e usos do solo proxectados, logo da comprobación de que se axustan ao ordenamento urbanístico vixente e de que reúnen as condicións exixibles de seguridade, salubridade, habitabilidade  e accesibilidade.

As licenzas outorgaranse de acordo coas previsións da lexislación e do planeamento urbanístico.

Están suxeitas a previa licenza municipal, sen prexuízo de autorizacións que fosen procedentes de acordo coa lexislación aplicable, os actos de edificación e uso do solo e do subsolo, tales como:

  • Os actos de edificación e uso do solo e do subsolo que, consonte a normativa xeral de ordenación da edificación, precisen de proxecto de obras  de edificación.
  • As intervencións en inmobles declarados bens de interese cultural ou catalogados polas súas singulares características ou valores culturais, históricos, artísticos, arquitectónicos ou paisaxísticos.
  • As demolicións, agás as derivadas de resolucións de expedientes de restauración da legalidade urbanística.
  • Os muros de contención de terras, cando a súa altura sexá igual ou superior a metro e medio.
  • Os grandes movementos de terras e as explanacións.
  • Os parcelamentos, segregacións ou outros actos de división de terreos en calquera clase de solo, cando non formen parte dun proxecto de reparcelación urbanística.
  • A implantación de calquera instalación de uso residencial, xa sexan provisionais ou permanentes.
  • A corta de masas arbóreas ou de vexetación arbustiva en terreos incorporados a procesos de transformación urbanística e, en todo caso, cando a dita corta derive da lexislación de protección do dominio público, agás as autorizadas en solo rústico polos órganos competentes en materia forestal.

Quen pode solicitar?

A persoa interesada lexitimada para tal fin.

Qué se entende por actos de edificación?

De conformidade coas definicións establecidas na Lei de ordenación da edificación, teran consideración de edificación, as seguintes obras:

As obras de edificación de nova construción, excepto aquelas construcións de escasa entidade constructiva e sinxeleza técnica que non teñan, de forma eventural ou permanten, carácter residencial nin público e se desenvolvan nunha soa planta.

Todas as intervencións sobre os edificios existentes, sempre e cando alterne a súa configuración arquitectónica, entendendo por tales as que teñan carácter de intervención total ou as parciais que produzan unha variación esencial da composición xeral exterior, a volumetría, ou o conxunto de sistemas estructurais, ou  teñan por obxecto cambiar  os usos característicos do edificio.

Obras que teñan o carácter de intervención total nas edificacións catalogadas ou que dispoñan dalgún tipo de protección de carácter ambiental ou histórico-artístico, regulada a través de norma legal ou documento urbanístico e aquelas outras de carácter parcial que afecten ós elementos ou partes obxecto de protección.

Que documentación hai que presentar?

Documentación xenérica que terá que ser presentada en calquera solicitude:

  • Impreso normalizado de solicitude de licenza.  Modelo 256
  • Identificación dos interesados mediante Documento Nacional de Identidade ou documento identificativo equivalente.
  • Xustificante de pagamento da taxa pola prestación de servizos urbanísticos
  • No caso de actuar en representación, acreditación da representación.
  • Descrición suficiente das características  do acto de que se trate, que detalle os aspectos básicos deste, a súa localización e a edificación ou inmoble a que afecte, así como a súa referencia catastral.
  •     Reportaxe fotográfico da edificación ou edificacións existentes suscrito polo solicitante ou polo técnico redactor do proxecto, cando se realice unha intervención nesta (ampliación, reforma, reestruturación, rehabilitación, demolición, etc).
  • Dúas copias  mínimas do proxecto técnico completo, e as necesarias segundo os organismos  que teñan que informar. Presentarase unha copia en formato dixital. O proxecto técnico deberá estar subscrito por técnico ou técnicos competentes  e deberá conter:
    • Unha memoria urbanística como documento específico e independente, na que se indicará a finalidade e uso da construción ou actuación proxectada e xustificación do cumprimento da normativa e ordenanzas aplicables, na que se recollan os argumentos necesarios para xustificar  a adaptación ó ambiente e a protección da paisaxe, normativa autonómica e municipal de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, medioambiental, habitat, acústica, e  código técnico de edificación.
    • Memoria xustificativa do cumprimento das condicións previstas na normativa sectorial
    • Plano a escala 1:500 coa definición expresa da aliñación, que deberán ser coincidentes coas definidas no Plan xeral de ordenación municipal, coas especificacións contidas no art. 28.2 do propio plan, regulador das aliñacións e rasantes oficiais, indicando os servizos de que dispón a parcela.
    • Plano coa definición de rasantes exteriores e interiores da parcela coas determinacións do art. 28.2 do plan.
    • Plano do  perfil  lonxitudinal real da beirarrúa ou beirarrúas ás que dea fronte.
    • Plano catastral  a escala 1:500, a fin de que o Concello determine a necesidade de proceder á normalización do predio, nel deberá constar a data dende a que existe a parcela  coa súa configuración e superficie.
    • Proxecto de infraestructuras comúns de telecomunicacións redactado por técnico competente dacordo co establecido na lexislación específica.
    • Proxecto técnico que prevea a instalación de infraestructura de soporte do fogar dixital, cando así se esixa,  de conformidade co establecido no Decreto 127/2016 de 15 de setembro, polo que se regula as infraestructuras necesarias para posibilitar as funcionalidades do fogar dixital nas vivendas de nova construcción.
    • Estudio de seguridade e saude redactado por técnico competente.
    • Os proxectos de obras irán acompañados do correspondente oficio de dirección destas no que se identificara o técnico ou técnicos aos cales se lles teñen encomendadas.
  • Copia das autorizacións concesións ou informes sectoriais cando sexan legalmente exixibles.  Documento de avaliación ambiental no caso de requirila, ou ditame ambiental do uso a que vaian destinadas as obras.
  • Cuestionario estatístico da edificación e da vivenda
  • Se o proxecto que se presenta supón a intervención nunha construción existente, indicarase a licenza da edificación da mesma.
  • Se as obras proxectadas interveñen en zonas de protección arqueolóxica, deberase dar cumprimento ao esixido no capítulo 2 do PXOM, en atención aos distintos niveis ou  graos  de protección.
  •  O sinalamento municipal de aliñacións  cando a obra proxectada en solo de núcleo rural  afecte ou incida sobre un cerramento tradicional.
  • De ser o caso, certificado emitido polas entidades de certificación de conformidade municipal.

Cando para a realización das actuacións obxeto da licenza non sexa esixible un proxecto técnico, a solicitude irá acompañada dunha memoria descritiva e gráfica que defina as características xerais do seu obxecto e do inmoble en que se pretenda levar a cabo.

Ademais da documentación xenérica, segundo os casos, deberase presentar a seguinte documentación específica.

Documentación específica no caso de obra no ámbito do Plan especial de protección, rehabilitación e reforma interior do recinto amurallado e a súa zona de influencia:

  • Para proxectos de obras en edificios existentes (artigo 23 do PEPRI):
    • Documentación fotográfica en cor, referida ó edificio no seu conxunto e a os seus elementos máis característicos.
    • Levantamento a escala mínima 1:100 dos estados actuais das plantas, fachadas, cubertas e outros elementos do edificio.
    • Integración do alzado existente, e, no seu caso, o proposto, na fronte da rúa, a escala mínima 1:250, se as obras afectan a fachadas ou cubertas do edificio.
    • Descrición dos daños e deficiencias do edificio, reflexado en planos e aportando, no seu caso, fotografías correspondentes.
    • Descrición dos usos existentes e estado de ocupación do edificio.
    • Xustificación de que as obras proxectada se axusta á normativa particularizada do edificio.
    • Planos do proxecto, no seu caso, a escala mínima 1:100.
  • Cando os edificios estén suxeitos a protección individualizada no Catálogo do Plan Especial, esixirase a seguinte documentación adicional:
    • Memoria histórica, describindo as características e evolución do mesmo.
    • Xustificación da conservación, restauración ou reposición dos elementos constructivos u ornamentais orixinais de interese, con documentación gráfica
  • En actuacións que afecte á fachada e outros elementos exteriores, achegarase documentación escrita e gráfica suficiente para a correcta definición das obras, incluindo:
    • Memoria de acabados exteriores, con indicación de texturas, calidades e cor dos mesmos.
    • Detalles de solucións de carpintería, cerraxería e elementos constructivos ou ornamentais da fachada, cando se prevea a sustitución ou reposición dos mesmos, a escala mínima 1:20. No caso de proxectarse galerías detallaranse alzados a escala mínima 1:20, con detalles constructivos a escala mínima 1:10.
    • Detalle de elementos en cuberta, como buhardillas ou chemineas, cando se prevea a sustitución dos mesmos, a escala mínima 1:20.
    • Xustificación da supresión de elementos disconformes coa composición arquitectónica do edificio.
    • Para proxectos de obras de demolición (artigo 24):

Ademais da documentación técnica reglamentariamente esixible, os proxectos  de demolición incluirán documentación adecuada para poder estimar a súa necesidade ou conveniencia e, no seu caso, testimonio fotográfico do edificio ou parte do mesmo a demoler.

  • Para proxectos de obras de nova edificación (artigo 25):
    • Alzado da nova edificación integrado na fronte da rúa, a escala mínima 1: 250.
    • Memoria de acabados exteriores, con indicación de textura, calidades e cor dos mesmos.
    • Detalle de solucións de carpintería, cerraxería exterior e elementos constructivos eu ornamentais da fachada, a escala mínima 1:20. No caso de proxectarse galerías, detallaranse alzados e sección das mesmas, a escala 1:20, con detalle  constructivos a escala mínima 1:10. Detelles de elementos de cuberta a escala mínima de 1.20.

Documentación específica no caso de parcelamento ou segregación urbanística:

  • Memoria xustificativa que comprenda a finalidade ou o uso a que se pretenda destinar os lotes propostos e a súa adecuación ao planeamento urbanístico aplicable e ao réxime legal de formación de parcelas e predios.
  •  Documentación acreditativa da titularidade dos terreos
  • Plano de situación sobre cartografía actual, con indicación da súa referencia catastral.
  •  Plano de delimitación da finca matriz e das fincas segregadas ou resultantes da parcelación. En solo urbano e urbanizable a finca matriz delimitarase a escala 1:1.000 ou máis detallada e as parcelas resultantes a escala 1:500.
  • Cando a parcelación conleve o reparto de aproveitamentos edificatorios ou de uso, incorporarase á documentación  a descripción urbanísticas das parcelas resultantes, na que se exprese a súa superficie, uso e aproveitamento.
  • Ficha descritiva dos lotes resultantes, incluídas as relativas aos terreos destinados a sistemas urbanísticos que se teñan que ceder, se procede. As fichas terán que especificar os límites, a cabida e a cualificación urbanística de cada lote, así como a súa calidade de indivisible, se procede.
  • En solo clasificado no Plan Xeral como urbano consolidado deberá realizarse a cesión gratuita a administración titular da vía dos terreos destinados a viais fóra das aliñacións establecidas no planeamento

Documentación específica cando a obra teña por obxecto o desenvolvemento dunha actividade :

  • Memoria explicativa da actividade que se pretende realizar, coa manifestación expresa do cumprimento de todos os requisitos técnicos e administrativos.
  •  Declaración de que se cumpren todos os requisitos para o exercicio da actividade e de que os locais e as instalacións reúnen as condicións de seguridade, salubridade e as demais previstas no planeamento urbanístico.
  • Proxecto e documentación técnica que resulte esixible segundo a natureza da actividade ou instalación.
  • A autorización ou declaración ambiental  que procede.

Onde se presenta?

No Rexistro Xeral

Centro de Servizos municipais Ronda Muralla, 197

 Horario: luns a venres, de 9:00 a 14:00. Sábados, de 10:00 a 13:00

Cando se presenta?

Antes do inicio da obra, e non se poderá iniciar esta ata obter a correspondente licenza.

Cal é o prazo para resolver?

Tres meses, contados desde a presentación da solicitude coa documentación completa.

Canto custa?

  • Taxa segundo Ordenanza fiscal nº 103, reguladora da taxa pola prestación de servizos urbanísticos. A taxa debe pagarse mediante o Modelo de Autoliquidación 103 previamente á presentación da solicitude e acompañar a esta o xustificante de pagamento.
  • Imposto segundo Ordenanza fiscal nº 202, reguladora do imposto sobre construcións, instalacións e obras. O imposto aboarase unha vez concedida a licenza, no momento en que proceda a retirar o título dela.

Onde se tramita?

Servizo de Licenzas – Concello de Lugo.

Observacións

  • Con carácter previo o outorgamento da licenza de edificación, rehabilitación ou parcelación  deberán de ceder de xeito obrigatorio e gratuito ao concello o solo destinado a viais, espazos libres, zonas verdes e equipamentos.
  • Nos supostos de edificación ou rehabilitación integral o solicitante da licenza deberá completar pola súa conta a urbanización necesaria para que os terreos alcancen, se aínda non a teñen, a condición de soar. Para tal efecto afrontarán os custos de urbanización precisos para completar os servizos urbanos e executar as obras necesarias para conectar coas redes de servicio e viaria en funcionamento.
  • En toda obra deberase ter a disposición do inspector municipal o documento acreditativo da concesión da licenza, un exemplar do proxecto aprobado. Así mesmo no lugar da obra deberá figurar cartel visible coas seguintes indicacións: nome e apelidos de técnicos directores e de contratista, ordenanza que se aplica, usos aos que se vai destinada, número de plantas e prazo de execución, así como a data de outorgamento e o número da licenza.

Directorio