Establecementos abertos ao público nos que se desenvolvan ou organicen espectáculos públicos ou actividades recreativas

Código: 
262
Presentación: 
Presencial
Descarga

Segundo a Lei 10/2017, de espectáculos públicos e actividdes recreativas, con carácter xeral, a apertura dos establecementos abertos ao público nos que se desenvolvan espectáculos públicos ou actividades recreativas e a organización de espectáculos públicos e actividades recreativas están sometidos ao réxime de declaración responsable. Porén, por razóns de interese xeral vinculadas á orde, seguridade e saúde públicas e protección do medio ambiente, esixirase a obtención de licenza municipal ou autorización autonómica nos supostos establecidos no artigo 41 da Lei 9/2013, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

Que casos se deben declarar?

A declaración responsable deberase presentar

Con carácter previo á apertura do establecemento, á organización do espectáculo público ou ao inicio da actividade recreativa, as persoas interesadas deberán presentar unha declaración responsable dirixida ó Concello, coa que poñerán en coñecemento da Administración competente todos os datos relativos o seu exercicio.

Será necesaria a presentación de declaración responsable nos termos previstos neste precepto no caso de modificación substancial. En todo caso, terán a consideración de modificacións substanciais a modificación da clase de actividade recreativa ou espectáculo público, o cambio de lugar, a realización dunha reforma substancial dos establecementos ou calquera cambio que implique unha variación que afecte a seguridade, salubridade ou perigosidade do establecemento aberto ao público se así é declarado no informe técnico correspondente.

Igualmente, será necesaria a presentación de declaración responsable para a celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas de carácter extraordinario que se desenvolvan esporádicamente en establecementos abertos ao público, suxeitos ao réxime de declaración responsable, legalmente habilitados para celebrar un espectáculo público ou actividade recreativa distinta da propia do establecemento. Nestes casos, deberase presentar a documentación prevista no artigo 40 da Lei 9/2013, modificado pola Lei 10/2017, que resulte procedente tendo en conta as características do espectáculo ou da actividade de carácter extraordinario. Asi mesmo, deberase dispoñer do seguro previsto na lexislación de espectáculos públicos e actividades recreativas.

Exclúese da obriga de prestar declaración responsable

Os establecementos que organicen ou destinen o desenvolvemento de espectáculos públicos ou actividades recreativas que atendendo a concorrencia de razóns de orde pública, seguridade pública, saúde pública e protección do medio ambiente precise a obtención de licenza municipal ou autorización autonómica, relacionados no artigo 41 da Lei 9/2013.

As actividades sometidas á comunicación previa conforme ó establecido na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, e o Regulamento único de regulación integrada de actividades económicas e apertura de establecementos, aprobado por Decreto 144/2016, do 22 de setembro. (Modelo 259)

Quen debe presentar a declaración responsable?

As persoas titulares do establecemento aberto o público.

Que documentación hai que presentar?

1. DOCUMENTACIÓN XENÉRICA QUE TERÁ QUE SER PRESENTADA:

  • Tanto na presentación física como na telemática a instancia Modelo 262, que corresponde co procedemento Y021.
  • Xustificante de pagamento dos tributos municipais. Para realizar a correspondente autoliquidación dos tributos deberá poñerse en contacto co Servizo de Facenda Local do Concello, presencialmente ou a través do correo electrónico aperturas@lugo.gal.
  • No caso de actuar en representación, autorización escrita da persoa solicitante ou copia de poder para representala.
  • No caso de que a actividade sexa exercida por unha sociedade ou comunidade de bens, deberase presentar copia da súa constitución.
  • Indicación da licenza de construción do inmoble, se este é posterior ao ano 1969; se é anterior, deberá facelo constar expresamente na instancia.
  • Indicación da licenza de primeira ocupación da edificación, se a obra se finalizou con posterioridade ao ano 1977.
  • Póliza de seguro de responsabilidade civil obrigatorio, pola cuantía prevista na normativa en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia e recibo de pagamento das primas correspondentes ao periodo do seguro en curso.
  • Documento acreditativo da dispoñibilidade do establecemento ou espazo aberto o público en calidade de propietarios/as ou arrendatarios/as ou calquera outro título xurídico.
  • Informe de parámetros acústicos emitido por entidade acreditada, de conformidade cos artigos 11.1 e 11.2 do Decreto 106/2015, do 9 de xullo, sobre contaminación acústica de Galicia, xustificativo do cumprimento dos límites de inmisión sonora e valores mínimos de illamento acústico: de fachada e, de ser o caso, respecto de recintos protexidos lindeiros alleos á actividade.
  • Se fose o caso, o certificado, acta ou informe de conformidade emitido polas entidades de certificación de conformidade municipal reguladas na Lei 9/2013, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

2. DOCUMENTACIÓN ADICIONAL ESPECÍFICA:

Á documentación indicada no apartado anterior unirase, segundo o caso de que se trate, a indicada nun dos seguintes apartados:

2.1. Inicio de actividades que non requiren a realización de obras

No caso da implantación dunha nova actividade ou reforma dunha preexistente, cando non se realizaron modificacións no establecemento nin nas instalacións existentes para as que fose preceptiva licenza ou comunicación de obra, por ser aqueles conformes ás esixencias da normativa que resultase de aplicación, achegarase a seguinte documentación:

  • Documentación subscrita por facultativo/a competente, xustificativo da viabilidade da actividade sen necesidade de realizar obras. Poderá estar integrada nun único documento e estará composta de:
    • Memoria coa descripción da actividade ou proceso produtivo que se pretende implantar ou modificar con enumeración da maquinaria, dotacións existentes máis significativas, horario de funcionamento, etc.
    • Declaración expresa de que o establecemento reúne as condicións urbanísticas, medioambientais, de seguridade, salubridade, accesibilidade, e as demais normativa que resulte de aplicación.
    • Estudo xustificativo da normativa que resultara de aplicación segundo materia: urbanística, protección contra incendios, seguridade de utilización, accesibilidade, contaminación acústica e, de ser o caso medioambiental, aforro enerxético, etc.
    • Planos de localización do emprazamento a escala 1/1.000, ou equivalente, usando como base a planimetría do Plan Xeral de Ordenación Municipal e de situación relativa do local sobre edificio/parcela, de planta reflectindo distribución, usos de cada dependencia, cotas, maquinaria e instalacións, así como seccións e alzados.
    • Reportaxe fotográfica; que complementará graficamente a planimetría tanto no exterior (fachada en todo caso) como nos recintos interiores máis representativos do desenvolvemento da actividade; suficientemente descriptiva das instalacións/dotacións existentes: ventilación, climatización, equipos de protección contra incendios, elementos accesibles.
  • As autorizacións e os informes sectoriais que, de ser o caso, sexan preceptivos.

2.2. Inicio de actividades tras rematar as obras de acondicionamento con título habilitante para as mesmas

No caso da implantación da nova actividade ou reforma da preexistente, unha vez rematadas as obras de adecuación do establecemento e/ou das instalacións, para as que con anterioridade se obtivo licenza ou se produciu a eficacia da comunicación previa, e antes do inicio da actividade, achegarase:

  • Certificado fin de obra, asinado por técnico/s competente/s, no que se certificará a execución das obras conforme ao previsto no proxecto e o seu axuste ao título habilitante de obra. Indicarase calquera modificación sobre o inicialmente proxectado, reflectíndoa, de ser o caso, en documentación gráfica adxunta coa manifestación expresa da súa compatibilidade co título habilitante de obra (punto II.3 do anexo II do Código Técnico da Edificación, parte I).

Como cubrir a instancia/procedemento?

  1. Deberanse cubrir todos os campos da instancia e aportar a documentación que se requira segundo o caso.
  2. Identificarase o epígrafe de Catálogo, conforme o anexo do Decreto 124/2019 polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ó público da Comunidade Autónoma de Galicia.
  3. A falta de datos na instancia ou da preceptiva documentación, implicará a ineficacia da declaración por incompleta, se non se subsana a falla.
  4. As actividades cun aforo que supere as 500 persoas e demais incluidas no artigo 41 da Lei 9/2013 do emprendemento e competitividade económica de Galicia deberán solicitar licenza de actividade acompañada da documentación que esixe a norma.

Onde se presenta?

No Rexistro Xeral
Centro de Servizos Municipais
Ronda da Muralla, 197
Horario: luns a venres, de 9:00 a 14:00.

Cando se presenta?

Con carácter previo ó inicio da actividade ou da apertura.

É necesaria a presentación de declaración responsable nos casos de modificación da clase de actividade, cambio de localización, reforma substancial dos locais, instalacións ou calquera cambio que implique unha variación que afecte á seguridade, salubridade ou perigosidade do establecemento.

Canto custa?

Segundo a Ordenanza fiscal número 121, taxa pola intervención municipal nas comunicacións previas e declaracións responsables nas aperturas de establecementos.

Onde se tramita?

Servizo de Licenzas – Concello de Lugo

Trámites relacionados  

  • Licenza urbanística
  • Comunicación urbanística de obras e uso do solo e subsolo
  • Licenza de primeira ocupación

Normativa relacionada

  • Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia. (DOGA 27/12/2013).
  • Lei 10/2017, de 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia (DOGA 02/01/2018).
  • Decreto 144/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento único de regulación integrada de actividades económicas e apertura de establecementos. (DOGA 09/11/2016).
  • Planeamento municipal:
    • Plan xeral de ordenación urbanística (PXOM).
    • Plan especial de protección, rehabilitación e reforma interior do recinto amurallado de Lugo (PEPRI).
    • Demáis planeamento de desenvolvemento aplicable ao caso.
  • Ordenanzas municipais.

Condicións e efectos da declaración

Os titulares dos establecementos ou espazos abertos o público terán os dereitos e obrigas establecidos no artigo 23 da Lei 10/2017.

Información ó público, de conformidade co artigo 19 da Lei 10/17

Nos establecementos abertos ao público deberase dispoñer nun lugar visible e perfectamente lexible, nos dous idiomas oficiais de Galicia, a seguinte información:

  • a) O número de teléfono, o número de fax, o enderezo postal ou o correo electrónico para efectos de reclamacións ou peticións de información.
  • b) O horario de apertura e peche.
  • c) A copia da licenza municipal de apertura, no caso de que esta sexa esixible.
  • d) A capacidade máxima.
  • e) A existencia de follas de reclamación.
  • f) As limitacións de entrada e a prohibición de consumo de alcohol e tabado a persoas menores de idade, de conformidade coa lexislación vixente.
  • g) As condicións de admisión determinadas de acordo co previsto no artigo 13, no caso de que existiren.
  • h) As normas particulares ou instrucción elaboradas polo/a titular do establecemento para o normal desenvolvemento do espectáculos ou da actividade.

A Declaración responsable tera entre outros o seguintes efectos

  • A declaración responsable presentada cumprindo con todos os requisitos constitúe un acto xurídico do particular que habilita para o inicio da actividade ou faculta para a apertura do establecemento, e de ser o caso, para o inicio da obra ou instalación, e faculta a Administración pública para verificar a conformidade dos datos que se conteñen nela. 
  • A declaración responsable non constitúe unha autorización administrativa tácita, senón unicamente a transmisión da información correspondente para efectos do coñecemento municipal e de posibilitar a intervención mediante o control posterior, sen prexuízo das facultades de inspección ordinaria. A actividade comunicada poderá ser inspeccionada durante todo o tempo que dure o exercicio da mesma e levarase a cabo polos servizos técnicos municipais.
  • A declaración responsable presentada produce efectos entre a persoa titular da actividade ou o establecemento e o Concello, salvo o dereito de propiedade e sen prexuízo de terceiros. En ningún caso altera as situacións xurídicas privadas entre aquela e as demáis persoas.
  • O incumprimento sobrevido das condicións da declaración ou dos requisitos legais da actividade será causa da ineficacia da declaración, e habilitarán o concello respectivo para a súa declaración logo de audiencia do/a interesado/a.
  • A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera dato, manifestación ou documento que se achega ou incorpora á declaración responsable, comporta, logo de audiencia da persoa interesada, a declaración de ineficacia da comunicación efectuada e impide o exercizo do dereito ou da actividade afectada dende o momento en que se coñece, sen perxuízo das sancións que proceda impoñer por tales feitos.
  • Será causa de ineficacia o non exercicio da actividade no prazo de seis meses contado dende que a comunicación previa habilite para o exercicio desta, así como a interrupción da actividade durante un ano, contado dende a data en que se produciu esta interrupción.
  • A resolución administrativa que constata estas circunstancias comportará o inicio das correspondentes actuacións e a esixencia de responsabilidades, e poderá determinar a obriga do interesado de restituír a situación xurídica ao momento previo ao recoñecemento ou ao exercizo do dereito ou ao inicio da actividade correspondente, así como a imposibilidade de instar un novo procedemento durante un período de tempo determinado de entre tres meses a un ano.
  • A responsabilidade do cumprimento dos requisitos administrativos a que estivese sometida a actividade ou o establecemento trasladarase á nova persoa titular a partir do momento en que o cambio de titularidade se fixese efectivo, con independencia da data en que se leve a cabo a comunicación do cambio de titularidade. En caso de que a nova persoa titular non presente a devandita comunicación, a anterior persoa titular eximirase de toda responsabilidade se acredita ante a Administración o cambio de titularidade por calquera medio admisible en dereito.