A Xunta Local de Seguridade reúnese coa vista posta na seguridade e na convivencia cidadá ao longo do San Froilán
A Alcaldesa e o Subdelegado do Goberno copresidiron esta xuntanza na que se estableceron as formas e procedementos para unha coordinación entre os distintos corpos de seguridade
- Tema
- Alcaldía,
- Cultura e Turismo,
- Protección da comunidade,
- Seguridade,
- Tráfico
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, copresidiron a reunión da Xunta Local de Seguridade previa aos festexos do San Froilán, que tivo lugar este mércores no Salón de Comisións do Concello, coa fin de preparar e coordinar un dispositivo que garanta a seguridade e o normal desenvolvemento das festas patronais da cidade, que arrincarán o vindeiro martes, nas que un amplo dispositivo de efectivos velarán polo normal funcionamento das festas. Nesta reunión tamén participou a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, xunto con mandos da Policía Local, Autonómica e Nacional, así como Protección Civil e Bombeiros.
A Alcaldesa explicou que o dispositivo do San Froilán, que espera que sexa moi participativo, fundaméntase na prevención de posibles incidentes e na convivencia cidadá. Deste xeito fixo fincapé na profesionalidade das distintas forzas de seguridade, ao tempo que apelou á colaboración e sensibilidade cidadá para que o San Froilán transcorra con total normalidade e sexa, unha vez máis, un éxito total, atraendo á cidade milleiros de persoas.
Nesta liña, Lara Méndez avanzou que o Concello reforzará a presenza da Policía Local con 7 ou 8 axentes a maiores, un dato que variará dependendo da afluencia de xente ou das citas que se prevén máis concorridas. Instalarase ademais á entrada do Parque de Rosalía unha caseta. Ademais, o corpo de bombeiros disporá dunha dotación avanzada na Praza Horta do Seminario todos os días das festas. Tamén estará presente unha ambulancia.
O subdelegado do Goberno anunciou o compromiso da Policía Nacional de colaborar coa Policía Local para garantir que os festexos discorran sen incidentes así como para previr a comisión de posibles feitos delitivos. Neste sentido, Ramón Carballo confirmou que a Policía Nacional reforzará a súa presenza nas rúas, especialmente nos días e eventos con maior afluencia de xente, nos que contarán tamén coa colaboración dun subgrupo da UPR da Coruña (Unidade de prevención e reacción) e da Unidade Adscrita á Xunta de Galicia. Ademais, a Garda Civil de Tráfico realizará controis nas principais vías de acceso á cidade.
En materia de tráfico, pode consultarse a través da páxina web municipal www.lugo.gal [1] a previsión de corte de circulación así como horarios de buses urbanos.