Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (http://concellodelugo.gal)

Inicio > Urbanismo emite unha orde de execución para un inmoble en ruína de Salvador de Madariaga

Urbanismo emite unha orde de execución para un inmoble en ruína de Salvador de Madariaga

“A edificación atópase nun estado de conservación tan lamentable que só permite ou a rehabilitación integral ou a súa demolición”, sinala Miguel Couto

  • Tema
    • Infraestruturas,
    • Urbanismo
Mércores, 27 de novembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Urbanismo trasladaba esta mañá á Xunta de Goberno a incoación dun expediente de orde de execución contra os propietarios dun inmoble da rúa Salvador de Madariaga no que, no pasado mes de abril resultaron feridos dous bombeiros cando acudían a sufocar un incendio.

O imperativo prodúcese despois de que os titulares da vivenda non atendesen os reiterados requirimentos da administración local nos que o Servizo de Arquitectura os instaba a mellorar as condicións nas que se atopa o edificio.

“Foi a Policía quen primeiramente cursou denuncia, no ano 2017, ante a situación de abandono que padecía a construción. Xa nese momento, os técnicos municipais sinalaban a necesidade de retirar canto antes o rótulo e bandeirola da fachada, de acometer a súa limpeza e a dos canlóns e baixantes así como de reparar as fendas, restaurar as carpinterías e repoñer os cristais, entre outras actuacións. Determinacións que, posteriormente se comprobou, non foron atendidas, e que agora se emiten pola vía coercitiva”, explicou Miguel Couto.

O concelleiro indicou que o estado de conservación da casa resulta tan lamentable que só posibilita dúas accións, “ou ben a súa rehabilitación integral ou a súa demolición. En calquera dos dous casos os donos deberán proceder a solicitar a correspondente licenza e, namentres, están obrigados a adoptar as medidas de seguridade necesarias para evitar danos na vía pública e nas edificacións lindeiras, debendo proceder, asemade, ao apontoamento e revisión do inmoble, co fin evitar desprendementos e ao peche adecuado do mesmo para impedir ocupacións”, concluíu o edil.


URL fonte: http://concellodelugo.gal/gl/novas/urbanismo-emite-unha-orde-de-execucion-para-un-inmoble-en-ruina-de-salvador-de-madariaga