Paula Alvarellos confirma que non houbo ningún contaxio máis entre o persoal da Escola Infantil Gregorio Sanz
As instalacións educativas municipais volverán abrir as súas portas o vindeiro martes, 6 de outubro, logo de cumprir o período de corentena
- Tema
- COVID-19,
- Educación,
- Centros de ensino,
- Educación pública,
- Sanidade
A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, informaba esta mañá que a totalidade das probas PCR practicadas ao persoal da Escola Infantil Gregorio Sanz deron negativo, logo de que o conxunto das educadoras do centro (8) se someteran ao test tras detectarse, o pasado venres, o contaxio dunha compañeira.
“Dende o Concello queremos destacar a dilixencia das traballadoras á hora de poñer en marcha, coa máxima celeridade, o protocolo que freou a cadea de transmisión do virus, un obxectivo para o que dende as áreas de Persoal e Prevención, tampouco se escatimou en medios materiais”, sinalou a responsable de Recursos Humanos.
Paula Alvarellos indicou que as instalacións educativas volverán abrir as súas portas o próximo martes, 6 de outubro, xa que o período de corentena remata o venres 2 e o luns 5 é festivo local.