As obras de acondicionamento dos 7 aparcadoiros disuasorios con 203 novas prazas gratis comezarán nun mes
Asinado esta mañá o contrato para acometer as obras, adxudicadas en 253.000€ e cun prazo de execución de 5 meses.
Localizacións: r/Alcalde Manuel Portela (46 prazas); r/do Buxo (24); avda. Reverendo Xosé Fernández Núñez (15); r/Pedro González López (14); Jacinto Calvo (30); Xosé Novo Freire (28) e Paradai de Arriba (46).
O Goberno poñerá a disposición da cidadanía 800 novas prazas públicas e gratuítas coas medidas xa tomadas e as que ten en marcha: aparcamentos disuasorios (203), párking do HULA (363), repintado das prazas da rúa que circunda o hospital (150) e apertura ao público do aparcadoiro do Seminario (80). Esta actuación responde “ao modelo de mobilidade que temos deseñado co obxectivo de reducir o uso do vehículo privado, reducir a contaminación e mellorar a calidade de vida e a comodidade da cidadanía”.
- Tema
- Infraestruturas
O voceiro municipal, Miguel Fernández, anunciou que as obras de acondicionamento dos 7 aparcadoiros disuasorios impulsados polo Goberno en distintos puntos da cidade comezarán nun mes, a principios de setembro, unha vez que esta mesma mañá foi asinado pola Concelleira de Economía, Ana Prieto, o contrato coa empresa adxudicataria, Construcciones Canarga SL. Cunha superficie total superior aos 6.000ms2, os estacionamentos ofrecerán 203 novas prazas públicas e gratuítas. O prazo de execución é de 5 meses, co cal, a previsión é que a principios de ano estean dispoñibles.
Esta actuación responde ao “modelo de cidade e á estratexia de mobilidade que temos deseñada, con medidas complementarias e interconectadas que segundo vamos implantando cobran sentido”, explicou Fernández, aludindo, como exemplo, ás zonas 30 con convivencia de bicicleta, as peonalizacións de Quiroga Ballesteros e A Milagrosa, a humanización da avenida Infanta Elena, a reordenación das liñas de bus, a creación de máis carrís bici, a ampliación das prazas dos aparcadoiros subterráneos, a apertura do párking do Seminario ao público en xeral polas tardes e as fins de semana, os propios aparcadoiros disuasorios, ou o novo modelo de acceso e mobilidade do casco histórico. Todo co obxectivo de diminuír o uso do vehículo privado, o que contribuirá a “mellorar a calidade de vida e a comodidade dos lucenses ao reducir a contaminación, tanto ambiental como acústica”, sinalou o voceiro.
As localizacións dos 7 aparcamentos e as súas características son as seguintes:
- R/ ALCALDE MANUEL PORTELA (Garabolos):
46 prazas
Superficie: 1.176,86 ms2
Orzamento: 41.200€
- R/ DO BUXO (Lamas de Prado):
24 prazas
Superficie: 827,44ms2
Orzamento: 29.600€
- AVDA. REVERENDO XOSÉ FERNÁNDEZ NÚÑEZ (A Milagrosa)
15 prazas
Superficie: 469,25 ms2
Orzamento: 13.200€
- R/ PEDRO GONZÁLEZ LÓPEZ (centro):
14 prazas
Superficie: 375,55 ms2
Orzamento: 15.500€
- R/ JACINTO CALVO SENADOR (centro):
30 prazas
Superficie: 942,05 ms2
Orzamento: 32.900€
- R/ ALCALDE XOSÉ NOVO FREIRE (entorno Avda. Madrid):
28 prazas
Superficie: 736,82 ms2
Orzamento: 26.700€
- R/PARADAI DE ARRIBA:
46 prazas
Superficie: 1.565,20 ms2
Orzamento: 78.000€
As obras
As obras que se levarán a cabo en cada unha das parcelas son: limpeza do terreo; escavación e recheo; colocación dunha rede de recollida de augas pluviais que inclúe sumidoiros e pozos de rexistro; pavimentación (unha capa de zahorra e dúas de asfalto); sinalización horizontal (para marcar as prazas, viais, sentidos de circulación, ceda ao paso e stop); sinalización vertical (indicadores de entrada e saída); e peche perimetral (con malla metálica de 2ms de altura), que permita identificar o aparcadoiro a conductores e viandantes.
As prazas terán unha dimensión por regra xeral de 2,5ms de ancho e 5 de longo, e todas as parcelas incluirán estacionamento para vehículos de persoas con mobilidade reducida.
O Concello optou por adxudicar as obras a través dun único contrato porque isto recorta os trámites administrativos e polo tanto axiliza os tempos.
800 novas prazas na cidade
O Goberno de Lara Méndez poñerá a disposición da cidadanía 800 novas prazas públicas e gratuítas coas medidas xa tomadas e as que ten en marcha: aparcamentos disuasorios (203), párking enfronte ao HULA (363), repintado das prazas da rúa que circunda o hospital (150) e apertura ao público do aparcadoiro do Seminario (80).
Xunta de Goberno
O voceiro municipal fixo estas declaracións durante a rolda de prensa na que deu conta dos asuntos tratados na Xunta de Goberno celebrada este mércores, entre outros, a concesión de licencia para obras de reforma no centro comercial As Termas, consistentes na construción dunha marquesiña e cortaventos na fachada leste, a adaptación de un local para sala de lactancia na planta primeira, a cubrición da zona da terma con vidro pisable e a modificación de logotipos no tótem e os rótulos por cambio de imaxe corporativa. O orzamento é de 613.300€ e o prazo de execución de 6 meses.
Audio
- Obras de acondicionamento dos 7 aparcadoiros disuasorios | Descargar mp3 [1]