O XXII Festival de Teatro Universitario presentará en Lugo do 8 ao 19 de abril catro montaxes e dous micro proxectos artísticos
Un relatorio do director do Instituto de Teatro de Madrid, un concerto sobre a música na vida de Lorca e ensaios e adestramentos abertos reforzan o programa do certame
- Tema
- Cultura e Turismo,
- Programación cultural
O XXII Festival de Teatro Universitario organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, promovido pola USC en colaboración co Concello de Lugo e a Deputación Provincial, ten programadas varias representacións teatrais que comezarán o martes 12 de abril, tal e como avanzaron este venres a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre; a vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva, e o deputado provincial delegado da área de Cultura, Xosé Ferreiro, na presentación deste certame.
Este festival presentará en Lugo do 8 ao 19 de abril catro montaxes doutras tantas compañías universitarias, así como dous micro proxectos artísticos desenvolvidos polos actores latinoamericanos Pâmela Fogaça e Raymundo Rangel, así como pola madrileña Ángela Beltrán. Un relatorio sobre a dramaturxia de García Lorca, a cargo do director do Instituto de Teatro de Madrid, Javier Huerta Calvo, e un concerto sobre a música na vida deste xenial autor granadino, a cargo de Samuel Díaz, reforzan a programación desta nova edición do festival de teatro universitario, un certame que por vez primeira ofrece pases específicos para o estudantado de ensinanzas medias, ademais de ensaios e obradoiros de adestramento actoral abertos ao público interesado.
O director do Instituto de Teatro de Madrid, Javier Huerta Calvo, abrirá o vindeiro 8 de abril, ás 21.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, a programación do XXII Festival de Teatro Universitario co relatorio Luces e sombras de O Público, a obra de Lorca que porá en escena a compañía de Teatro USC-Lugo o 17 de abril no auditorio Gustavo Freire, o mesmo escenario no que a formación universitaria dirixida por Paloma Lugilde ofrecerá os días 18 e 19 novos pases desta obra, algúns dirixidos a estudantes de institutos de ensino secundario.
A posta en escena de Cinzas, unha peza adaptada e dirixida por Roberto Salgueiro e que toma o nome das obras completas de Rodrigo García publicadas baixo o título Cenizas escogidas, a cargo da Compañía de Teatro USC-Santiago de Compostela, abrirá o 12 de abril, ás 21.00 horas, a quenda de funcións no auditorio Gustavo Freire, o mesmo escenario no que a Aula de Teatro Universitaria Maricastaña de Ourense presentará Demediado, unha dramaturxia de Fernando Costa a partir de O vizconde demediado, de Ítalo Calvino.
Un obradoiro aberto de adestramento actoral e de achegamento á O Público, de García Lorca, coa compañía de teatro USC-Lugo capitalizará o 14 de abril a actividade dun festival que, ao día seguinte, dará visibilidade a tres micro proxectos artísticos: Cacao e Caña, a cargo de Treta Teatro (Pamela Fogaça e Raymundo Rangel), Raíz, de Krilajo, e Y si fueras ella?, que ten por actriz protagonista a Ángela Beltrán.
A estrea de O Público, a cargo da compañía de Teatro USC-Lugo, será o domingo 17 de abril, aínda que as persoas interesadas poderán gozar o día anterior dun ensaio aberto no auditorio Gustavo Freire, que tamén acollerá novos pases desta montaxe o luns 18 e o martes 19 de abril. Asemade, en parello con esta actividade teatral, o auditorio da Casa do Saber acubillará o 18 de abril, a partir das 20.00 horas, o concerto A música na vida de Lorca, a cargo de Samuel Díaz.
A asistencia ás distintas actividades programadas ao abeiro do XXII Festival de Teatro Universitario é libre e gratuíta, aínda que, dado que a capacidade de asistencia para presenciar a función de O Público está limitada a 100 butacas, as persoas interesadas deberán recoller previamente as entradas nas oficinas de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, onde se despacharán a partir do 15 de abril. Para asistir aos pases programados para institutos de ensino medio ou para participar nos obradoiros ofertados, que teñen prazas limitadas, cómpre facer a reserva previa en quenda de mañá no número de teléfono 982 821 513.