O mundo da robótica e a impresión 3D protagonistas na quinta edición do ArduinoDay, co que colabora o Concello
Ana Prieto e José Manuel López presentaron esta exposición que terá lugar o sábado, no CEI-Nodus en horario de 10:30 á 13:30 e de 16:30 á 19:00 horas
A edil destacou que este evento “nos permite aprender e coñecer variedade de proxectos e iniciativas de makers da cidade e tamén de fora da contorna de Lugo, uníndonos a centos de celebracións que se realizarán o mesmo día e por todo o mundo”
- Tema
- Economía,
- Emprendemento
A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, xunto ao Presidente da Asociación MakersLugo, José Manuel López, presentaron, este luns, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, o ArduinoDay que terá lugar o vindeiro 12 de maio no CEI-Nodus. Esta xuntanza, que se celebra por quinto ano consecutivo, expón diversas iniciativas relacionadas co arduino, unha plataforma de hardware libre para a creación de proxectos interactivos ademais de, competicións de robots e talleres educativos para as persoas interesadas en profundizar máis no mundo da tecnoloxía.
Na presentación, na que tamén estiveron presentes outros membros da Asociación MakersLugo, Ana Prieto convidou a todas e todos os lucenses a achegarse ao CEI-Nodus e visitar este evento aberto a todo o público que “nos permite aprender e coñecer variedade de proxectos e iniciativas de makers da cidade e tamén de fora da contorna de Lugo. Con esta programación, unímonos a centos de celebracións que se realizarán o mesmo día e por todo o mundo, para homenaxear o nacemento desta plataforma que nos permite construír dispositivos dixitais”.
O ArduinoDay poderá visitarse en horario de 10:30 á 13:30 horas e de 16:30 á 19:00 horas e contará coa presenza e as iniciativas de makers que ofrecerán aos visitantes unha gran variedade de proxectos para que poidan coñecer en profundidade: impresión 3D, robótica auditiva e electrónica ou CNC, entre outros. Ademais as persoas interesadas en mostrar o seu traballo, ideas ou aparatos baseados no arduino, participar en competicións de robots sigueliñas ou minisumo ou en talleres educativos poden apuntarse no seguinte enlace www.makerslugo.org [1]
Nesta liña, José Manuel López, agradeceu o apoio ao Concello que “un ano máis colabora con esta xuntanza e dota dunha maior visibilidade o mundo do arduino, a robótica ou a impresión 3D”.
Sobre o Arduino
Arduino é unha plataforma de hardware libre, baseada nunha placa cun microcontrolador e un entorno de desenvolvemento, deseñada para facer fácil e barato, a principiantes e non especialistas, a creación de proxectos interactivos que integren sensores e actuadores electrónicos.
O arduino naceu no ano 2003, no Instituto de Deseño Interactivo na cidade italiana de Ivrea, como ferramenta para estudantes principalmente artísticos. Na última década, estendeu o seu obxectivo orixinal, converténdose nun dinamizador da industria global da electrónica e do movemento maker (baseado na colaboración e libre acceso á tecnoloxía).
Audio
- Presentación do ArduinoDay | Descargar mp3 [2]