O luns abrirase o prazo de solicitude para acceder ós 62 postos de traballo que vai crear o Concello con fondos do Plan Lugo Emprega que financia a Deputación provincial
- Tema
- Economía
O vindeiro luns, día 24 de xaneiro, abrirase o prazo para presentar as solicitudes da convocatoria que fixo o Concello de Lugo para crear 62 postos de traballo.
A creación destas prazas é posible grazas ós fondos que achega a Deputación provincial que vén de crear o Plan Lugo Emprega para dar traballo a persoas desempregadas da provincia durante seis meses.
O obxectivo do Plan Lugo Emprega é dobre, por un lado colaborar cos concellos da provincia para tratar de mitigar as dificultades económicas que pasan os desempregados da provincia e, o mesmo tempo, este Plan contribúe a contrarrestar a diminución de ingresos que sofren os Concellos.
O Alcalde, José López Orozco, asegurou que “iniciativas coma esta demostran que tanto o Concello como a Deputación colaboran para tratar de paliar o problema do desemprego, porque comparten a principal preocupación que teñen neste momento os veciños”.
López Orozco tamén anunciou este xoves que, grazas a este Plan da Deputación, o Concello de Lugo vai contar con preto de 800.000 euros para empregar a 62 persoas. A convocatoria é para 42 prazas de peón, 5 de auxiliares administrativos, 4 de ordenanzas, 3 de técnicos medios, 3 de dinamizadores, outros 3 de especialistas informáticos e 2 de delineantes.
O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe as bases da convocatoria nas que se establecen as normas para a selección de persoal laboral temporal que prestará servizos no Concello de Lugo con cargo ó Plan de Emprego Provincial 2011 (Plan Lugo Emprega).
As bases establecen que o prazo para presentar as solicitudes será de cinco días hábiles desde a publicación no BOP. Nelas figuran as prazas que se convocan, os requisitos que se deben cumprir, entre os que figura o de estar en situación de desemprego, e tamén se publica o formulario para facer a solicitude que se pode descargar, ademais, na web do Concello de Lugo www.lugo.es [1], na que tamén se difunden as bases desta convocatoria.
As solicitudes débense presentar no Rexistro do Concello, situado no Edificio administrativo da administración municipal, na Ronda da Muralla.
Descargar Solicitude e Bases [2]