O Goberno define 9 servizos esenciais, entre eles emprego, escolas infantís e comedores escolares, para atender as necesidades dos veciños
A Xunta de Goberno aprobou a Declaración de Servizos Esenciais, “un paso imprescindible para desbloquear a contratación de servizos que non son competencias locais propiamente ditas”
Lugo súmase ao Manifesto e á Mesa do Camiño Primitivo para oficializar a súa aposta por esta ruta xacobea, declarada Patrimonio da Humanidade, que cruza o municipio por distintas parroquias e a propia cidade
Na sesión deste mércores deuse luz verde á compra dun furgón mixto con destino ao servizo de bombeiros por 58.830 euros
- Tema
- Promoción turística,
- Educación pública,
- Emprego,
- Protección da comunidade
O Goberno Municipal de Lugo deu un paso máis no ordenamento dos recursos humanos e na defensa da autonomía local este xoves, aprobando na Xunta de Goberno a Declaración de Servizos Esenciais, “un paso imprescindible para desbloquear a contratación de servizos que non son competencias locais propiamente ditas”, tal e como explicou o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen adiantou que aínda que o Estado dispón de capacidade lexislativa que as administracións deben acatar, tamén o é que existe unha autonomía local garantida pola Constitución. “E é aí, nesa autonomía local que nos faculta para auto organizarnos, onde enmarcamos esta declaración de servizos esenciais”, asegurou Fernández, ao tempo que lembrou a medida do Goberno do Estado, que decidira na Lei de Orzamentos de 2012 impedir a contratación de persoal laboral nin estatutario temporal, nin de interinos, salvo en casos excepcionais para cubrir necesidades urxentes e inaprazables que afecten ao funcionamento dos servizos públicos esenciais, unha limitación que buscaba paliar o déficit público, que nunca estivo nas administracións locais.
“Este Concello, baixo este Goberno, quere ser moito máis sensible e prestar os servizos que nos demandan os cidadáns. Por iso, á marxe do estritamente competencial, que é estritamente o que poderiamos facer, decidimos facer moito máis, co único obxectivo de desenvolver unhas políticas baseadas nos nosos veciños e que teñan como obxectivo solucionar os problemas dos nosos veciños”, asegurou Miguel Fernández,
Trátase de 9 servizos prioritarios, que o Goberno definiu atendendo ao seu carácter transversal ou por pura vontade política. Os esenciais polo seu carácter transversal, que son imprescindibles para o bo funcionamento da administración, son os de actas e goberno, intervención, asesoría xurídica, tesourería e contabilidade, facenda local e inspección tributaria e administración electrónica. Por outra banda decláranse como servizos esenciais por vocación política, emprego, escolas infantís e xestión integral dos comedores escolares.
“Como sempre dicimos, cada política ou decisión política facémola pensando nos veciños. Esta declaración de servizos esenciais é un paso máis para ser máis rápidos, máis eficientes e máis sensibles cos problemas dos lucenses”, concluíu Fernández.
Camiño Primitivo
A Xunta de Goberno deu luz verde á adhesión do Concello de Lugo ao Manifesto e á Mesa do Camiño Primitivo para oficializar a súa aposta por esta ruta xacobea, declarada Patrimonio da Humanidade, que cruza o municipio por distintas parroquias e a propia cidade. Entre os compromisos desta adhesión figura recuperar, desenvolver, potenciar e divulgar o Camiño Primitivo, así como potenciar as novas tecnoloxías, en especial aquelas que sexan de utilidade para a orientación durante a peregrinación, e integrarse no grupo de traballo do Camiño Primitivo.
Vehículo bombeiros
Na sesión deste mércores, entre outros asuntos, adxudicouse a compra dun furgón mixto con destino ao servizo de bombeiros a VIP Galicia S.A. por 58.830 euros. Este novo vehículo, que substitúe a outro furgón, dispón dunha potencia de motor de 163 CV.
Audio
- Miguel Fernández, sobre a definición dos 9 servizos esenciais para atender as necesidades dos veciños | Descargar mp3 [1]