O Congreso Galego de Estatística reúne en Lugo a 120 expertos nacionais e internacionais
Lara Méndez subliñou “a oportunidade económica” que supón para Lugo ser a sede de encontros profesionais “pola promoción e difusión do patrimonio cultural, histórico, medioambiental e gastronómico”
Campos Conde destacou que “todas as administracións nos debemos implicar no impulso do ámbito científico, pois sufriu recortes do 40% e máis de 11.000 dos nosos científicos abandonaron o país debido á falta de oportunidades laborais”
Javier Bueno subliñou os beneficios da colaboración entre Deputación e USC, tanto en captación de talento e de estudantes, como á boa imaxe que se está a proxectar no exterior da cidade e do labor científico que nela se desenvolve
- Tema
- Alcaldía
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o Presidente do Comité Organizador, José Manuel Colmenero Álvarez; o Vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema, e a Presidenta da Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións, Esther López Vizcaíno, inauguraron este xoves o XII Congreso de SGAPEIO, que, tras 18 anos, volve a acoller a provincia de Lugo, reunindo a máis de 120 expertos nacionais e internacionais. Desenvolverase dende hoxe e ata o 24 de outubro no Pazo de San Marcos.
Este encontro científico ten por obxectivo promover a divulgación científica, así como fomentar a estatística e a investigación operativa en Galicia dende diferentes puntos de vista: na investigación, no ensino, na empresa e nas Administracións Públicas. Está organizado por SGAPEIO e USC, e conta coa colaboración do Concello de Lugo e da Deputación.
Lara Méndez destacou a importancia de que, cada vez con maior asiduidade, Lugo sexa sede deste tipo de encontros profesionais, “unha oportunidade económica” pola promoción e difusión que implican do patrimonio cultural, histórico, medioambiental e gastronómico da cidade e da provincia. Así mesmo, a Alcaldesa fixo fincapé en que a estatística pública “é un dos piares fundamentais da transparencia e un instrumento de progreso”, “unha estatística fiable, rigorosa e eficiente, tanto na fase de recollida de datos, na súa análise e no proceso de transformación dos datos a información, a denominada conmumente como cociña”, asegurou.
Pola súa banda, Campos Conde destacou que “é imprescindible que todas as administracións nos impliquemos no impulso do ámbito científico, tendo en conta que o recorte neste eido en España supera xa o 40% dende o inicio da crise. Isto supuxo un problema de grande magnitude: a perda de capital humano, o que coñecemos como fuga de cerebros. Dende o ano 2010, son máis de 11.000 os científicos que, debido á escasa oferta laboral, tiveron que levar o seu talento fóra das nosas fronteiras. Para loitar contra este éxodo intelectual, fai falta un forte apoio institucional. A Deputación, e este Presidente, continuarán a implicarse, colaborando con iniciativas como a que hoxe presentamos, ou con medidas como o Plan de Impulso que temos en marcha coa USC, e que contempla bolsas para a captación de talento e divulgación científica”.
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, subliñou os beneficios que está a reportar a colaboración da Deputación co campus de Lugo da USC, tanto no que se refire a captación de talento e de estudantes, como á boa imaxe que se está a proxectar no exterior da cidade e do labor científico que nela se desenvolve. Proba desta cooperación é a visita programada á Domus do Mitreo ou o concerto de piano ‘Resonancias aritméticas’, a cargo de Juan Ignacio Martínez Pardo, que se desenvolverá a partir das 20.30 horas no auditorio da Casa do Saber.
Programación das xornadas
Entre as ducias de actividades que terán lugar durante os tres días do Congreso atópanse, entre outras, conferencias como Optimización baixo a incerteza: Unha ollada á programación estoclástica, ou A estatística nunha empresa cervexeira. Do dato ao coñecemento; mesas redondas como Estatísticas en empresas e laboratorios ou Servizos de asesoramento estatístico; obradoiros como Análise de datos funcionais con R, ou visitas a lugares como o Domus do Mitreo, unha excursión á Ribeira Sacra, no que viaxarán nos catamaráns da Deputación. Finalmente, entregaranse os premios SGAPEIO a novos investigadores. Máis información sobre datas e horarios en www.sgapeio.es [1]
Explorística: Aventuras na Estatística
Logo da inauguración do XII Congreso, a Alcaldesa de Lug, o Presidente da Deputación e o Vicerreitor, xunto a mozos e mozas do I.E.S. Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos, coñeceron a exposición Explorística: Aventuras na Estatística, enmarcada dentro das actividades do XII Congreso Galego de Estatística e lnvestigación de Operacións. A mostra está financiada pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT). Ilustra conceptos de Estatística e Probabilidade para alumnos de ESO e Bacharelato. Está formada por módulos interactivos que integran diversas actividades relacionadas coa estatística, adaptadas aos niveis formativos do alumnado. Os estudantes de dito centro monfortino puideron participar en seis módulos independentes: Recepción de participantes, tiro con arco, submarino, quiz de censos, datos viciados e sondaxe. Máis información en www.exploristica.com [2]. A mostra sitúase na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos.