O Concello ofrece actividades gratuítas este verán nas Casas das Linguas para nenos e nenas de 5 a 9 anos
O prazo para inscribirse na programación, con 60 prazas e dirixido a favorecer a conciliación laboral e familiar, estará aberto dende hoxe ao 30 de xuño. Será por orde de inscrición nos centros de Estrada da Granxa e María Balteira
- Tema
- Ensino de linguas,
- Xuventude
A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, dirixida por Carmen Basadre, informa de que a programación de verán das Casas das Linguas, enmarcada no obxectivo do Concello de favorecer a conciliación laboral e familiar e abrir alternativas de lecer aos máis pequenos na etapa estival, terán lugar do 4 ao 28 de xullo e do 1 ao 31 de agosto, de luns a xoves. As actividades, dirixidas a nenos e nenas de 5 a 9 anos de idade, son gratuítas e haberá un total de 15 prazas por quincena e centro, isto é, 60 prazas.
No centro de Estrada da Granxa os luns e mércores, de 10:30 a 13:30 horas, haberá Summer Camp de Inglés, Alemán e Francés. Os martes e xoves, de 10:30 a 13:30, terá lugar o obradoiro de animación á lectura.
No centro de María Balteira os luns e mércores, de 10:30 a 13:30 horas, celebrarase o obradoiro de animación á lectura e os martes e xoves, de 10:30 a 13:30 horas, terá lugar o Summer Camp de Inglés e Francés.
O prazo de inscrición estará aberto dende hoxe e ata o 30 de xuño. Será por rigoroso orde de inscrición presencialmente nos propios centros, presentando o DNI dos nenos e nenas que se queiran anotar para acreditar a idade.