O Concello actúa de inmediato ante a posible aparición de restos arqueolóxicos en Santo Domingo
- Tema
- Infraestruturas
O Concello de Lugo reaccionou de inmediato ante unha denuncia recibida pola Patrulla Verde sobre a posible aparición de restos arqueolóxicos nunha obra que se leva a cabo na praza de Santo Domingo.
Ás 10.15 a xefa do Servizo de Arqueoloxía do Concello de Lugo acudiu ó lugar da obra e traballou na gabia para limpar a zona e comprobar a existencia de restos romanos.
Aproximadamente dúas horas despois recibiuse no Concello un escrito da Consellería de Cultura ordenando a paralización dos traballos.
Á zona tamén acudiron a Delegada de Urbanismo, María Novo, e o Concelleiro de Infraestruturas, José Piñeiro, que mantiveron durante todo o día conversas coa empresa adxudicataria da obra.
Ademais, esta mesma tarde, ás 18.30, mantiveron unha reunión na zona responsables municipais, da empresa que realiza a obra e arqueólogos do Concello e da construtora.
A empresa que executa a obra dispón xa dun arqueólogo e presentaralle de inmediato un proxecto arqueolóxico ó Concello.
As obras do proxecto de renovación do alumeado público na praza de Santo Domingo lévanse a cabo en dúas zonas diferenciadas: unha delas sobre o aparcadoiro soterrado no que se descarta a existencia, na actualidade, de ningún tipo de restos, e a outra na beirarrúa sobre a que o Concello intervirá con todo o rigor para preservar a eventual existencia de restos arqueolóxicos.