O Concelleiro de Deportes anuncia o inicio inmediato das obras para dotar de novo céspede aos campos de fútbol de Frigsa e A Cheda
O Concello vén de adxudicar ambos proxectos, froito dun convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación
“Polos campos de fútbol municipais pasan unha media de 500 persoas ao día –só polo da Cheda, máis de 150-, entre adestramentos e competicións a nivel federativo, deporte base e veteranos, o que dá boa conta do gran impacto social que terán estas actuacións”, subliñou Miguel Fernández
- Tema
- Deportes
O voceiro municipal e Concelleiro de Deportes, Miguel Fernández, anunciou este luns o inicio inmediato das obras para dotar de novo céspede artificial aos campos de fútbol municipais de Frigsa e A Cheda, proxectos que vén de adxudicar o Concello por un importe conxunto superior aos 356.000€. O convenio de colaboración asinado entre a entidade local e a Deputación fan posible estas actuacións, que contan cun prazo de execución de catro semanas.
As obras consistirán na renovación do sistema de céspede artificial, que debido ao desgaste, xa aconsella a súa renovación. Con este investimento dotarase a estes dous complexos dun céspede de ultima xeración e adaptado ás normas e esixencias actuais.
No caso do de Frigsa, as obras foron adxudicadas á empresa Mondo Ibérica por un importe de 165.500€ e no da Cheda, a Calfensa Proxectos, por 190.800€.
“Polos campos de fútbol municipais pasan unha media de 500 persoas ao día –só polo da Cheda, máis de 150-, entre adestramentos e competicións a nivel federativo, deporte base e veteranos, o que dá boa conta do gran impacto social que terán estas actuacións”, subliñou Miguel Fernández.
Paralelamente, o Goberno traballa para “continuar co cambio de céspede nos restantes campos que o precisen”, apuntou o Concelleiro.
O voceiro recalcou que o apoio da Deputación ao Concello de Lugo tradúcese en investimentos a través deste convenio, pero tamén noutros proxectos conxuntos que xa están en marcha, como a humanización da avenida Duquesa de Lugo, con 1M€, o Plan Único, con 530.000€ de achega anual, ou o alumeado do Paseo do Rato, con 750.000€.
Audio
- Miguel Fernández, sobre o inicio das obras dos campos de fútbol | Descargar mp3 [1]