O catedrático Rodríguez Colmenero explicará mañá no Vello Cárcere o inicio das escavacións arqueolóxicas en Lugo
Será o poñente da segunda conferencia do ciclo organizado polo Concello con motivo do Ano Europeo do Patrimonio Cultural
A entrada é libre e gratuíta ata completar o aforo do auditorio do Vello Cárcere, de 137 prazas
- Tema
- Cultura e Turismo
O catedrático de Historia Antiga da USC e profesor ad Honorem Antonio Rodruíguez Colmenero, un dos artífices do inicio das escavacións arqueolóxicas en Lugo, ofrecerá mañá, ás 20:00horas, unha conferencia no auditorio do Vello Cárcere sobre o arranque destes traballos na cidade, hai máis de trinta anos, facendo referencia á construción dos aparcamentos soterrados. Trátase da segunda cita do ciclo de conferencias Desenterrar o Pasado. Un Percorrido pola Arqueoloxía de Lugo, que organizan as concellerías de Desenvolvemento Sostible e Economía con motivo da conmemoración este ano do Ano Europeo do Patrimonio Cultural.
A entrada é libre e gratuíta, ata completar o aforo do auditorio do Vello Cárcere, de 137 prazas.
Colmenero relatará a evolución das escavacións arqueolóxicas na cidade dende a súa chegada a Lugo, no ano 1986, que pasou das reticencias e a aversión inicial á valoración e aprecio xeneralizado.
O profesor, con unhas 30 monografías sobre o mundo antigo hispano galaico, 400 publicacións e en torno a 150 conferencia en congresos nacionais e internacionais, dirigiou ou colaborou nunha vintena de proxectos de investigación nacionais e europeos, entre as que destacan as de Lugo, Chaves (Aquae Flaviae), Castro de Saceda (Ourense), Campamento Romano de Aquis Querquennis, en Bande (Ourense) e Oratorio Paleocristián de Ouvigo.
O ciclo Desenterrar o Pasado. Un Percorrido pola Arqueoloxía de Lugo permite desenvolver un foro de análise e de diálogo entre os profesionais do sector (arqueólogos, xestores patrimoniais e guías) e a cidadanía en xeral no que se pon en valor o traballo desenvolto no referente á recuperación do importante patrimonio arqueolóxico que atesoura a cidade.
Tras a conferencia de mañá, o ciclo continuará coa seguinte programación:
- 15 de marzo: A Configuración da Cidade Romana. A Peatonalización do casco histórico, a cargo de Covadonga Carreño, arqueóloga do Concello recén xubilada
- 22 de marzo: A Casa dos Mosaicos, por Enrique González Fernández
- 19 de abril: A Muralla de Lugo e a Arqueoloxía, a cargo deEnrique Alcorta Irastorza
- 24 de maio. A Domus do Mitreo, por Celso Rodríguez Cao
- 31 de maio: As Termas Romanas de Lugo, por Francisco M. HervésRaigoso
- 7 de xuño: O Castro da Piringalla, a cargo de Roberto Bartolomé Abraira
- 14 de xuño: A Xestión do Patrimonio Arqueolóxico na Cidade de Lugo, por Enrique González Fernández e Gonzalo Meijide Cameselle
Exposición
O programa de actividades co que o Concello celebra o Ano Europeo do Patrimonio Cultural incluirá tamén, como colofón, unha exposición na que se fará un repaso dos últimos 30 anos de escavacións arqueolóxicas na cidade, presentando as máis significativas e poñendo de relevo a importancia do patrimonio arqueolóxico descuberto, a súa relevancia na elaboración e coñecemento do pasado da cidade e a súa influenza na conformación da cidade dende o punto de vista urbano e social.