O Arde Lvcvs reta nunha carreira noctura polo adarve da Muralla a romanos e castrexos
A inscrición para a proba Mvrvs Lvcis, que terá lugar o 15 de xuño, pode facerse dende mañá e ata o día 11 en www.championchipnorte.com [1]. O límite de persoas participantes é de 250
O mércores 6 de xuño poranse á venda as entradas para o Haspastvm, o Circvs e o espectáculo Divinivm, que acollerá a explanada do Pavillón Municipal. Poderán adquirirse en www.entradaslugo.es [2] cun custo de 3 euros
- Tema
- Cultura e Turismo
Mañá venres, 1 de xuño, abrirase o prazo de inscrición para a carreira II Mvrvs Lvcis, Romanos contra Castrexos, que se celebrará na primeira xornada do Arde Lvcvs MMXVIII, o 15 de xuño, a partir das doce da noite. Así o anunciou este xoves a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen chamou a participar nesta carreira nocturna, que constará dunha volta polo adarve da Muralla, correndo o grupo dos romanos e o dos castrexos en sentido contrario, é dicir, un grupo sairá cara a dereita e outro cara a esquedra, sentido que escollerá un representante do grupo romano e do grupo castrexo co xogo da moeda ao aire.
O límite de inscricións será de 250 persoas, 125 romanos e romanas e 125 castrexos e castrexas, e a idade mínima para participar é de 16 anos. Todas as persoas que desexen participar deben inscribirse, ata o 11 de xuño, a través da páxina web www.championchipnorte.com [1]. O custo da inscrición é de 3 euros e inclúe vestimenta de caracterización, a elixir á hora da inscrición entre romano ou castrexo. As prazas iranse esgotando por rigusoa orde de inscrición. Así mesmo, avituallamento líquido ao rematar a proba.
A recollida de dorsais e vestimenta realizarase no centro colaborador do evento Forus Lugo, na rúa Iglesias Otero, entre o 13 e o 15 de xuño. Haberá un gañador e unha gañadora absolutas en cada categoría (romana ou castrexa) e un equipo gañador, que resultará da suma dos 15 mellores tempos masculinos e 10 femininos de cada categoría.
A proba comezará e rematará na praza de Pío XII, onde todas as persoas participantes están convocadas ás 23:45 horas, para comezar a carreira 15 minutos máis tarde.
Venda de entradas
O vindeiro mércores, 6 de xuño, sairán á venda as entradas para o Harpastvm, o Circvs Romano e o espectáculo Divinivm, todas elas cun prezo de 3 euros e ata un máximo de dez por persoa. Nos tres casos poderanse adquirir a través da web www.entradaslugo.es [2]. Todos os eventos serán na explanada do Pavillón Municipal, o primeiro deles o venres, ás 23:30 horas, a cargo das asociacións de recreación histórica Caetra Lucensium, Mercenarios Galaicos e Guardia Pretoriana; o segundo o sábado, a partir das 18:00 horas, e o terceiro, tamén o sábado, dende as 23:55 horas.
Máis información na web oficial destes festexos www.ardelucus.com [3].