O Arde Lvcvs MMXIX encara a votación popular do seu cartel anunciador, aberta de hoxe a domingo
As 42 obras que compiten pódense votar a través do facebook oficial destes festexos, www.facebook.com/ardelucuslugo [1], ata as 12:00 horas do día 24
- Tema
- Cultura e Turismo
A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, que dirixe Carmen Basadre, vén de abrir a votación popular do concurso de deseño gráfico para escoller o cartel que anunciará o Arde Lvcvs MMXIX, co obxectivo de facer cómplice e partícipe á veciñanza luguesa e á cidadanía en xeral na elección da imaxe desta festa declarada de Interese Turístico Galego e Nacional.
As 42 obras que compiten, pódense votar dende hoxe a través do Facebook oficial destes festexos, www.facebook.com/ardelucuslugo [1], ata as 12:00 horas deste domingo, 24 de febreiro. Para poder realizar a votación soamente é necesario rexistrarse cun enderezo electrónico, o que permite un reconto de votos máis seguro. Unha vez feito o reconto de votos, farase pública a selección a través das redes sociais oficiais do Arde Lucus e da web do Concello de Lugo www.lugo.gal [2]
Carmen Basadre convidou a cidadanía a moverse nas redes sociais e a participar na selección da que será a imaxe que anuncie o Arde Lucus nesta edición, que se celebrará o 14, 15 e 16 de xuño.
Tal e como recollen as bases, tras esta votación popular, un xurado formado por tres persoas expertas seleccionará, entre as 10 de maior puntuación, a obra gañadora. O fallo levarase a cabo o 27 de febreiro ás 11:00 horas na Casa da Xuventude. Nesta ocasión, o premio para o gañador ou gañadora ascende a 1.300 euros.