Nova xornada de portas abertas nos locais comerciais da Tinería ante o interese de emprendedores e empresarios
Os 9 inmobles que aluga o Concello para dinamizar social e economicamente o barrio estarán abertos mañá, de 16.00 a 20.00 horas
As solicitudes poderán presentarse ata o 12 de xullo
- Tema
- Desenvolvemento económico,
- Emprendemento
Ante o forte interese de emprendedores e empresarios, o Concello decidiu organizar para mañá martes unha nova xornada de portas abertas nos 9 locais comerciais que ten en aluguer na Tinería para dinamizar social e economicamente o barrio, tras o éxito da celebrada o pasado xoves, na que participaron un cento de persoas. Os inmobles estarán abertos para todos os interesados en coñecelos por primeira vez ou volver a visitalos entre as 16.00 e as 20.00 horas.
Prazos
As persoas interesadas poden presentar a solicitude de aluguer ata o vindeiro 12 de xullo. Logo unha comisión fará a valoración dos proxectos e resolverá a adxudicación, co que o Goberno estima que a entrega das chaves poderá producirse despois do verán. O inicio da actividade dependerá de cada beneficiario, das obras e acondicionamento que queira facer no inmoble, aínda que non será superior aos catro meses contados a partir da entrega do local. Os adxudicatarios contarán co acompañamento dun técnico municipal de Urbanismo para a presentación correcta da documentación requirida para a solicitude da licenza de obra, o que axilizará os prazos.
A cesión será en réxime de aluguer por un período de catro anos (contados dende a resolución definitiva e a entrega das chaves), con opción a prórroga, e a renda será do 20% do que lle custa ao Concello o arrendamento dos locais ao IGVS. Deste xeito, a entidade local achega o 80% restante. Os importes oscilan entre os 10€ ao mes do inmoble con menor superficie aos 72€ do máis grande (IVE incluído).
As persoas ou entidades adxudicatarias asumirán o acondicionamento dos locais, que a día de hoxe están tal e como os entregou ao Concello a Xunta de Galicia.
Os beneficiarios poderán ser persoas físicas ou xurídicas que queiran desenvolver unha actividade: comercial, de oficinas e administrativa, educativa, docente e cultural, asistencial, deportiva, sanitaria ou artesá. A Ordenanza de Burgos Medievais permite usos máis amplos nesta zona, pero o Goberno decidiu limitalos a estes porque son os que máis poden dinamizar e poñer en valor o barrio.
Será requisito indispensable presentar un plan de empresa e unha memoria valorada economicamente, na que se describa a actividade a implantar e a data prevista para poñela en marcha (non superior aos 4 meses despois da entrega do local). Os arrendatarios contarán co acompañamento dun técnico municipal de Urbanismo para axilizar a tramitación dos proxectos.
O procedemento de adxudicación será por concorrencia competitiva, e conforme aos principios de publicidade, transparencia, obxectividade e igualdade.
Criterios de valoración
As bases establecen criterios de valoración cuantitativos e cualitativos.
Os cualitativos son en función do tipo de empresas:
- Empresas de mercado: empresario individual, sociedade anónima e sociedade limitada: 2 puntos
- Empresas de economía social: sociedade cooperativa, sociedade limitada laboral, fundacións e asociacións con fins comerciais: 4 puntos
- Proxectos empresariais que procedan de viveiros de empresas, coworkings, etc.: 1 punto, que poderá acumularse aos anteriores
Os cuantitativos puntuaranse cun máximo 5 puntos, distribuídos do seguinte xeito:
- Adecuación da actividade proposta ás características do local: ata 2 puntos
- Dinamización comercial e xeración de afluencia de público ao barrio: ata 3 puntos
No caso de que dúas ou máis solicitudes acaben igualadas en puntuación para un mesmo local, a orde de adxudicación establecerase por sorteo público. A súa convocatoria será anunciada no Taboleiro de Anuncios e na páxina web do Concello con 24 horas de antelación.
As solicitudes serán valoradas por un comité técnico composto por seis persoas:
- 3 vogais nomeados polo Concello (un técnico de Urbanismo e dous do CEI Nodus)
- 1 vogal nomeado pola Federación Galega de Comercio
- 1 vogal nomeado pola CEL
- Secretaría (secretario ou vicesecretaria do Concello)
Para maior información, o anuncio da convocatoria, ademais de no BOP, publicouse na web do Concello (www.lugo.gal [1]) e no Taboleiro de Anuncios municipal. As solicitudes están dispoñibles, ademais de na web, nas oficinas de Atención ao Cidadán.
A resolución definitiva de adxudicatarios incluirá unha lista numerada de reservas para a ocupación dos locais (para o caso de renuncias ou incumprimentos). Será publicada no Taboleiro de Anuncios e na web municipal.
Audio
- Ana Prieto sobre a xornada de portas abertas na Tinería | Descargar mp3 [2]