Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (http://concellodelugo.gal)

Inicio > Medio Ambiente mantén cortada a auga nas fontes públicas da cidade para evitar a propagación do covid

Medio Ambiente mantén cortada a auga nas fontes públicas da cidade para evitar a propagación do covid

  • Tema
    • Medio ambiente
Venres, 28 de agosto de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente mantén cortada a auga nas fontes públicas da cidade para evitar a propagación do covid

O edil Álvaro Santos fai un chamamento á colaboración cidadá solicitando á veciñanza que non retire dos mananciais os carteis que desaconsellan o seu consumo.

O edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, lembraba hoxe á poboación que o servizo de mantemento e conservación de parques mantén sen subministración as fontes conectadas á traída pública, evitando así que estas se convertan nun foco de contaxio do covid debido á súa manipulación.

“En total falamos de preto dun cento de mananciais nos que, sendo potables e cumprindo todos os requisitos de salubridade, se cortou a auga para disuadir da súa utilización. Unicamente permanecen habilitados aqueles que se atopan dentro dos canís municipais para consumo dos animais cando acoden a estes recintos”, sinalou o concelleiro ao tempo que aproveitou para facer un chamamento á colaboración cidadá solicitando á veciñanza que non quite os carteis, instalados polo Concello nas propias fontes, ao carón da billa, desaconsellando o contacto directo coas mesmas.

“Trátase de información de servizo, que cumpre un importante labor de divulgación xa que contén indicacións de saúde pública polo que rogamos ás e aos lucenses que actúen con responsabilidade e, ademais de ter en conta e respectar as instrucións que conteñen, pola súa seguridade propia e a de quen os rodea, non os danen nin os retiren”, concluíu o concelleiro.

Audio

  • Álvaro Santos, sobre as fontes públicas | Descargar mp3 [1]
 

URL fonte: http://concellodelugo.gal/gl/novas/medio-ambiente-manten-cortada-auga-nas-fontes-publicas-da-cidade-para-evitar-propagacion-do

Ligazóns:
[1] http://concellodelugo.gal/sites/default/files/280820_alvaro_santos_-_carteis_fontes_publicas.mp3