Máis de 10.200 persoas participaron nos cursos e nas actividades que se realizaron na Casa da Xuventude no que vai de ano
Carmen Basadre presentou os novos talleres e obradoiros gratuítos dirixidos aos mozos e mozas, que organiza o Concello a partir de outubro na Casa da Xuventude, nos pavillóns de Frigsa e Daniel Cordido e nos centros escolares
Tras o San Froilán, o Concello porá de novo en marcha a asesoría xuvenil xurídica e psicolóxica na terceira pranta do Centro de Convivencia Uxío Novoneyra
- Tema
- Cultura e Turismo,
- Xuventude,
- Prevención de drogodependencias
A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou este luns no Salón de Plenos os novos talleres gratuítos para mozas e mozas, que o Concello de Lugo organiza a partir de outubro. O Concello oferta 270 prazas para participar en 17 obradoiros, que se desenvolverán dende o vindeiro 1 de outubro ata o 26 de decembro na Casa da Xuventude, no pavillón de Frigsa e no polideportivo municipal Daniel Cordido Castro.
Grazas a estes talleres, os mozos e mozas terán a oportunidade de preparar os exames de inglés Pet 1 e 2, así como o First 1 e 2. Tamén poderán practicar pilates, ioga, zumba e familiarizarse coas ténicas de cociña. Retocar fotografías, mellorar a autoestima e coñecer a intelixencia emocial son outros dos aspectos nos que profundizarán estes talleres. Esta programación inclúe tamén actividades sen límite de prazas como o tenis de mesa, hoquei, hiphop, breakdance, acrosport, parkour e apoio escolar para os máis cativos.
“Coa organización destas actividades pretendemos ofrecer unha alternativa máis aos mozos e mozas de Lugo para que empreguen o seu tempo de lecer na práctica de actividades deportivas e na aprendizaxe de habilidades sociais, poñendo á sua disposición as instalacións municipais”, destacou a edil.
Carmen Basadre amosou a súa satisfación polo éxito que ano tras ano acadan estes talleres xuvenís. De feito, no que vai de ano, tomaron parte nos cursos e nas actividades que se realizaron na Casa da Xuventude, máis de 10.200 persoas, o 55% mozos e o 45% mozas. O mes que rexistrou máis participación foi febreiro, e o que menos, agosto. Os talleres deste 2015 que máis interese espertaron foron os de costura e coiro para preparar os traxes do Arde Lvcvs, con máis de 300 participantes; así como o de manipulador de alimentos, con 109, segudio de zumba, con 57; pilates, 54 e a preparación do first, 45.
Todos os interesados en participar nalgún destes talleres poden inscribirse dende hoxe na Casa da Xuventude. O prazo de inscrición, que é diferente para cada actividade, pode consultarse na web www.lugo.gal [1] ou no teléfono de atención cidadá 010. As prazas cubriranse por sorteo.
Obradoiros de Prevención de Drogodependencias
Carmen Basadre tamén deu a coñecer o programa de obradoiros de prevención de dropodependencias. “Trátase dun programa moi importante para coñecer e poder aclarar as crenzas e actitudes do alumnado en educación primaria e secundaria sobre as drogas e o seu consumo”, subliñou a Concelleira, quen anunciou talleres para nais e pais, que teñen como obxectivo a sensibilización sobre o papel dos educadores de cara á prevención das drogas.
Esta programación inclúe unidades didácticas para profesorado e alumnado, un certame artístico e creativo, talleres de prevención ou obradoiros informativos sobre os perigos do cannabis, entre outros.
PREVILugo
A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre tamén anunciou a programación de PREVILugo, unha iniciativa dirixida ao alumnado de ESO e BAC, que ten como obxectivo a prevención, información e formación a través de programas de intervención socioeducativa. Os talleres que se ofrecen aos centros educativos para este curso son: habilidades sociais, educación afectivo-sexual, motivación e técnicas de estudo, resolución de conflictos; así como charlas formativas sobre a boa alimentación, as redes sociais, o conflicto ou o acoso.
“O pasado ano participaron neste programa 2.900 alumnos de 10 institutos da cidade, nos que se impartiron un total de 170 obradoiros”, subliñou Carmen Basadre.
Máis información en www.lugo.gal [1] ou no teléfono de atención cidadá 010.
Asesorías xuvenís
A edil aproveitou a ocasión para lembrar o horario da asesoría xuvenil xurídica e psicolóxica, que o Concello porá de novo en marcha tras o San Froilán, na terceira pranta do Centro de Convivencia Uxío Novoneyra. A asesoría psicolóxica funcionará os martes e os venres, de 18:00 a 20:00 e a xurídica, os luns e os mércores, de 19:30 a 21:00 horas.
Audio
- Sobre as actividades xuvenís|Descargar mp3 [2]
- Sobre os obradoiros|Descargar mp3 [3]
Máis info
- Talleres para mozos e mozas 2015|Descargar folleto [4]
- Obradoiros: Prevención de Drogodependencia |Descargar folleto [5]