Lugo pon punto final ao Nadal esta semana cunha vintena de actividades que desbordan ilusión
O Concello organiza distintas propostas, que contemplan dende obradoiros no Vello Cárcere, na Casa da Xuventude e no Mercado Municipal, e espectáculos familiares no MIHL, a cinema, música e danza; ademais da visita de Melchor, Gaspar e Baltasar
- Tema
- Cultura e Turismo,
- Programación cultural
Lugo pon punto final ao Nadal esta semana cunha vintena de actividades que desbordan ilusión. Para elo, o Concello organiza distintas propostas, que contemplan dende obradoiros no Vello Cárcere, na Casa da Xuventude e no Mercado Municipal, e espectáculos familiares no MIHL a cinema, música e danza, ademais da visita de Melchor, Gaspar e Baltasar.
No Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), o Concello preparou distintas sesións de espectáculos para a primeira infancia, de 0 a 6 anos. As tres funcións serán ás 18:00 horas e para poder asistir, aínda que son de balde, é preciso recoller tarxetas na Biblioteca Municipal.
- Mércores, 2 de xaneiro: Teatro ó cubo con Nube nube sol. A través do corpo, o xesto, o canto e a música achégase á primeira infancia a maxia dos ciclos da natureza e a importancia da choiva para que todo medre.
- Xoves, 3 de xaneiro: Moure con Contos do Apalpador. Proposta de viaxe imaxinaria ao Caurel a través dos contos cun tronco oco dunha mazaira que unha fada das montañas agasalla aos máis miúdos para que miren o mundo a través do corazón das árbores.
- Venres, 4 de xaneiro: Atenea García con Bichocas. Con esta proposta estimularase a creatividade individual e colectiva espertando a sensibilidade da primeira infancia cara ao uso do galego. Os obxectos e a palabra faran aos pequenos e pequenas viaxar a través do mundo animal.
No Vello Cárcere, o Concello ten en marcha diversos obradoiros para rapaces e rapazas de 6 a 12 anos, que se celebran en quenda de mañá -de 11:30 a 13:30 horas- e tarde -de 17:30 a 19:30 horas-. É preciso inscribirse a través do 010.
- Mércores, 2 de xaneiro: Obradoiros de adornos con feltro. Os distintos motivos e personaxes de Nadal tomaranse como base para realizar pequenos obxectos decorativos para crear ambiente de Nadal nas casas das nenas e nenos.
- Xoves, 3 de xaneiro: Obradoiros de chapas e pins personalizados. Cos deseños elixidos polas nenas e nenos e outros propostos polos monitores do taller, faranse todos os pasos para elaborar chapiñas que adornarán as prendas destes pequenos creadores.
Venres, 4 de xaneiro: Obradoiro para darlles unha nova vida aos xoguetes rotos. Cada nena e neno traerá da súa casa cando menos un xoguete cun “pequeno defecto” que se reparará neste obradoiro e terá unha nova oportunidade.
Cine e música
Dentro da exquisita selección de filmes de Nadal que proxectou ao longo destes últimos días o Concello, mañá xoves, 3 de xaneiro, haberá dúas sesións de cine, unha ás 18:30 horas, Canción de Nadal, do director Brian Desmond Hurst, e outra ás 20:30 horas, A muller do bispo, do director Henry Koster.
En canto a actuacións musicais, o venres 4, o patio do Vello Cárcere acollerá a partir das 18.30 horas Trotasongs. Contacánticos As viaxes polas fragas dos Biosbardos. É para un público familiar con nenas e nenos de 6 a 12 anos. A entrada é libre ata completar a cabida.
Ese mesmo día, ás 20:00 horas, o cantante lugués Edgar Bao presentará, no Auditorio Municipal Gustavo Freire, o seu novo single, Tu vida en la mía. Trátase dunha actuación de balde, con retirada de entrada na Oficina Municipal de Turismo, na web www.entradaslugo.es [1] ou media hora antes da actuación nas propias instalacións do auditorio.
No Mercado continúan os obradoiros Aprende a fabricar os teus agasallos, de 17:00 a 19:00 horas, instalacións que visitarán os Reis Magos o día 4 de xaneiro, de 17:30 a 19:30 horas, e o día 5, de 11:30 a 13:30 horas. A zona infantil continúa aberta na Praza de Abatos ata o 7 de xaneiro, de 10:00 a 13:30 horas. Ademais, na Casa da Xuventude seguen os talleres de Cociña de Nadal e de agasallos, así como actividades de ioga, pilates e zumba mañá xoves, de 17:00 a 21:00 horas.
A Cabalgata de Reis poñerá o broche de ouro á programación. A comitiva partirá ás 18:00 horas da Praza da Milagrosa. Unha hora antes haberá danza, na Praza de Santo Domingo, na rúa da Raíña e na Praza Maior. Interpretaranse catro danzas tradicionais. a Danza de Fitas, de Arcos, de Paos e de Castañetas.
Outra programación
Dentro da campaña que puxo en marcha este Nadal o Concello, a Deputación e distintos comerciantes para dinamizar o centro da cidade, os vindeiros días hai a seguinte programación:
Xoves 3
- 11:00 a 13:00 - 17:00 a 20:00 horas Animación percorrendo as rúas do centro con A Luz do Nadal
- 17:00 a 20:00 horas: Os personaxes de nadal percorren as rúas do centro entregando caramelos e globos.
- 12:00 a 14:00 - 17:00 a 20:00 horas: Paseos en Cabaliños Mecánicos, pola Praza Maior.
- 17:00 a 20:00 horas: Obradoiro de Postais na carpa da Praza Maior
Venres 4
- 17:00 a 20:00 horas: Os personaxes de nadal percorren as rúas do centro entregando caramelos e globos.
- 12:00 a 14:00 - 17:00 a 20:00 horas Paseos en Cabaliños Mecánicos, pola Praza Maior.
- 17:00 a 20:00 horas: Rei Mago recibe aos nenos na carpa da Praza Maior.
- 17:00 a 20:00 horas: Obradoiro de Manualidades, Imos facer aos Reis Magos, na carpa da Praza Maior
- 17:00 a 20:00 horas: Obradoiro de Postais na carpa da Praza Maior
A Feira ArteNadal de artesanía, situada na Praza Anxo Fernández Gómez, as distintas exposicións do MIHL e do Vello Cárcere e Xuvenlugo son outras opcións para a última semana de Nadal en Lugo.