Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (http://concellodelugo.gal)

Inicio > Lugo é o primeiro gran Concello de Galicia en ter homoxeneizados os niveis de protección do patrimonio catalogado

Lugo é o primeiro gran Concello de Galicia en ter homoxeneizados os niveis de protección do patrimonio catalogado

A área de Sostibilidade Urbana trasladou hoxe ao Pleno a conformidade da Dirección Xeral de Patrimonio ás equivalencias realizadas polo Servizo de Arquitectura para harmonizar a normativa do PEPRI cos requirimentos da Lei autonómica.

Lara Méndez: “a súa consecución nos permitirá abordar con maior dilixencia os procedementos urbanísticos que afecten a elementos arquitectónicos ou paisaxísticos nos que sexa obrigada a supervisión do ente galego”.

  • Tema
    • Cultura e Turismo,
    • Bibliotecas e arquivos,
    • Museos e exposicións,
    • Xestión cultural
Xoves, 29 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo é o primeiro gran Concello de Galicia en ter homoxeneizados os niveis de protección do patrimonio catalogado

A área de Sostibilidade Urbana deu hoxe traslado ao Pleno, durante a sesión celebrada esta mañá, da conformidade amosada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural á homoxenización formulada polo Concello para conciliar os niveis de protección que recolle o PEPRI, o Plan Especial de Protección, Rehabilitación e Reforma Interior do Recinto Amurallado, cos requirimentos da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia.

Lugo convértese así, no primeiro gran Concello da Comunidade Autónoma en superar este trámite co que o Goberno de Lara Méndez non só persegue axilizar a tramitación e concesión das licenzas para actuacións que se poidan ver afectadas por este Plan, senón tamén ofrecer maiores garantías aos seus promotores.

Na procura dese obxectivo, o Servizo Municipal de Arquitectura eloborou un informe xustificando a equiparación entre os catro tipos de protección que cómpre ter en conta nas intervencións de conservación, restauración, readaptación, reestruturación e ampliación que resultan autorizables dentro do ámbito do PEPRI e os tres niveis de salvagarda que recolle a normativa autonómica ao respecto.

“A consecución desta equivalencia permitirá, a partir de agora, á Administración local abordar cunha maior dilixencia aqueles procedementos urbanísticos que afecten a elementos arquitectónicos ou paisaxísticos catalogados nos que sexa obrigada a supervisión do ente galego, ao ter consensuados, así, con esta harmonización os criterios técnicos a seguir”, sinalou a alcaldesa, Lara Méndez.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a harmonización del PEPRI | Descargar mp3 [1]

URL fonte: http://concellodelugo.gal/gl/novas/lugo-e-o-primeiro-gran-concello-de-galicia-en-ter-homoxeneizados-os-niveis-de-proteccion-do

Ligazóns:
[1] http://concellodelugo.gal/sites/default/files/290721_lara_mendez_-_harmonizacion_pepri.mp3