Lara Méndez sobre o bus urbano: “un servizo público non ten porque ser rentable, se é moito mellor, pero non é a finalidade do servizo”
A intención do Goberno Municipal é fomentar o uso do transporte público, “porque o creeemos, porque o defendemos e porque entronca co modelo de cidade sostible que estamos buscando”, asegurou a rexedora
O Concello ten ata febreiro para a implantación do novo servizo de bus, que se está a preparar a dez anos vista co obxectivo de aumentar os viaxeiros
- Tema
- Alcaldía,
- Transporte,
- Buses urbanos
“Un servizo público non ten porque ser rentable, se é moito mellor, pero non é a finalidade da prestación de dito servizo”. Así de contundente foi este luns a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre as informacións aparecidas nos medios de comunicación sobre o servizo do bus urbano en Lugo. A intención do Goberno Municipal é fomentar o uso do transporte público, “porque o creeemos, porque defendemos e porque entronca co modelo de cidade sostible que estamos buscando”, asegurou a rexedora, quen lembrou que o Concello ten ata febreiro para a implantación do novo servizo de bus.
Neste senso, a rexedora avanzou que se está a preparar un deseño a dez anos vista, aínda que con posibilidade de revisión durante ese tempo, co obxectivo de aumentar os viaxeiros. “Para iso non entendimos mellor forma que crear a campaña Móvete por Lugo para escoitar de xeito directo as suxerencias e recomendacións de todos os veciños”, continuou Méndez, quen recorreu todos os barrios da cidade, e alí onde demandaron visitas a maiores, para escoitar aos veciños e veciñas e telos en conta no novo deseño de mapa de liñas do bus urbano no que o Goberno está a traballar, e para o que ten un ano de prazo para facer ese deseño de futuro.
A día de hoxe, todos os veciños e visitantes que teñan algunha suxestión poden facela a través do enderezo electrónico moveteporlugo@concellodelugo.org [1] ou www.lugo.gal [2], e a través do Servizo de Atención Cidadá 010.
600.000€ de aforro coa nova concesión
Para este exercicio do 2016, a concesión ten un orzamento de 2.994.186,30 euros, que inclúe tanto o desembolso económico que fai o Concello como o importe das tarifas dos billetes que paguen os usuarios do servizo, o máis barato de España segundo un estudio de FACUA publicado neste mesmo mes de agosto. Hai que lembrar que ademais este novo contrato mellora sustancialmente o servizo, por exemplo, a frecuencia horaria, con saídas cada 30 minutos e que aínda así este novo contrato supón un aforro de 600.000€ ao ano.
Audio
- Lara Méndez, Alcaldesa de Lugo, sobre o servizo de bus urbano |Descargar mp3 [3]