COMUNICADO DO CONCELLO DE LUGO
- Tema
- Igualdade
Ante a revisión efectuada polo Concello de Lugo ao servizo público de comida a domicilio, a Concellería de Benestar Social e Igualdade quere aclarar:
- Cando desde a Concellería de Benestar Social e Igualdade se detectaron irregularidades no servizo, pediuse a resolución do contrato e a incoación do expediente.
- Como en calquera procedemento dunha Administración Pública trasladouse a irregularidade aos servizos xurídicos do Concello e o Servizo de Contratación, Patrimonio e Fomento para o seu estudo. Conforme o artigo 261 da LCSP, resolveron que era máis axeitada a adopción dunha medida como a intervención temporal do servizo para posibilitar que aos usuarios se lles seguira prestando o servizo e que a actual empresa adxudicataria puidera corrixir as deficiencias aparecidas nos informes, evitando que se produzan novos incumprimentos contractuais.
- Por este motivo, desde o Concello déronselle ás instrucións oportunas á empresa adxudicataria nese mesmo instante, é dicir, hai máis de vinte días, para que procedese a subsanar as deficiencias apreciadas, quedando namentres o contrato suspendido cautelarmente. Servizo que pasou a desempeñar a segunda das empresas adxudicatarias, con cargo á empresa titular do servizo.
- A empresa que presta o servizo de comida a domicilio, UCALSA, reiniciará a súa actividade o próximo luns, logo de revisar durante 15 días os aspectos que lle foron solicitados desde o Concello.
- O Concello de Lugo estará vixiante coa prestación do servizo, recibirá un menú semanal para poder realizar a súa comprobación de salubridade e correcta recepción co obxectivo de facer un seguimento continuado e exhaustivo de que a empresa cumpre coas obrigas recollidas no contrato. Neste sentido, faranse visitas aleatorias aos usuarios para comprobar a mellora do servizo. En caso contrario, tomará medidas sen dilación, como fixo neste momento.
- Consideramos que non existe motivo para a alarma, posto que as deficiencias foron subsanadas en tempo e forma, sen deixar de prestar o servizo e non houbo baixas no mesmo derivadas deste incidente.
- O Concello actuou coa máxima dilixencia e rapidez co fin de evitar trastornos aos usuarios, que o servizo non fose interrompido, e evitar a alarma social.
- Así mesmo, cremos que a actitude do Partido Popular neste asunto se pode definir como grave e irresponsable, posto que intentou crear unha alarma social cando o problema xa estaba detectado e solucionado polo Concello de Lugo.
- Solicitámoslle rigor ante unha situación deste tipo que non busca senón prestar un servizo á cidadanía de Lugo.
- O Concello coñeceu as deficiencias e decidiu solucionalo no momento no que o detectou, contactando cos usuarios do servizo para explicarlles o sucedido, sen darlle publicidades, co fin de non crear alarma.
- Así, o Concello de Lugo actuou con rigor, seriedade e celeridade desde que detectou o problema.