A Carreira Solidaria Viesgo Race Night volverá a iluminar a cidade de Lugo o 11 de novembro
Alberto Contador dará na Praza Maior a saída aos participantes das distintas categorías, unhas 1.500 persoas
As persoas interesadas poden inscribirse en www.viesgonightrace.com [1] e a recadación irá destinada integramente ao Banco de Alimentos
- Tema
- Solidariedade,
- Deportes
O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, o responsable de Viesgo en Lugo, Luis García, a presidenta do Banco de Alimentos de Lugo, Amadora Núñez, e unha das organizadoras da proba, Sandra Nozal, presentaron este venres, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, a quinta edición da Carreira Solidaria Viesgo Race Night, que se celebrará o vindeiro sábado 11 de novembro.
No acto, Miguel Fernández lembrou que “esta proba dá o pistalotezo de saída ao importante número de carreiras populares que teñen lugar na nosa cidade, entre as que se atopa o Corre Con Nós, a Lugo Monumental, ou o Medio Maratón e que contan cun importante numero de afeccionados”.
O edil tamén destacou “a importancia de que a carreira, plenamente consolidada, transcorra pola Muralla, poñendo en valor parte do noso Patrimonio da Humanidade iluminado polas lanternas de cada persoa que participa e tamén polo carácter solidario desta competición”.
Pola súa banda, Luis García agradeceu “a colaboración do Concello neste tipo de eventos, facendo posible que a competición de Lugo sexa a máis veterana destas probas que se celebran en varias cidades de España e coa que se promove a solidariedade da cidadanía”.
Finalmente, Amadora Núñez explicou que a recadación deste evento ingresarase nunha conta do Banco de Alimentos de Lugo para mercar ovos, que é un dos alimentos básicos para as familias que necesitan a axuda.
As probas e os seus percorridos, que van dende o trazado pouco esixente dos benxamíns con 500 metros, ata os preto de 5 quilómetros dos adultos, teñen como punto de partida, en todos os casos, a Praza Maior, diante da Casa do Concello. Está prevista a asistencia dunhas 1.500 persoas, entre nenos, nenas e adultos.
Os máis cativos teñen que participar acompañados obrigatoriamente polos seus pais ou nais. Esta proba dirixida aos menores con idades de 4 a 7 anos será a primeira en disputarse, e farao ás 19:00 horas. A seguinte en celebrarse, ás 19:10 horas, será a de idades comprendidas entre 8 e 12 anos, que xa correrán de xeito individual, pero en circuíto pechado dunha distancia aproximada dun quilómetro. A proba para maiores de 13 anos dará comezo ás 19:30 horas cun percorrido en torno aos 5 quilómetros, completando unha volta completa ao adarve da Muralla.
Nesta edición, como novidade, é posible adquirir un dorsal cero, doando a cantidade que se desexe a través da páxina web da carreira. Ademais, o deportista Alberto Contador dará as saídas das distintas categorías.
Inscricións
Os interesados en participar poden inscribirse en www.viesgonightrace.com [1]. As distintas categorías teñen diferentes prezos, que van dos 2 euros dos nenos aos 7 dos adultos, e terán descontos os grupos que se inscriban compostos por máis de dez persoas e as familias numerosas. Todo o diñeiro recadado irá destinado integramente ao Banco de Alimentos de Lugo. Pódense facer achegas individuais nunha carpa situada na Praza Maior o día da competición, sen ter que competir nas probas, a través de donativos ou de alimentos.