A Capela de Santa María acolle a mostra do PalillAD que amosa a mestura do arte de palillar coa moda e a decoración
Ana González Abelleira e Darío Campos inauguraron a exposición que conta con 19 traxes de cerimonia e pezas de decoración de profesionais de Lugo e Vilagarcía, que incorporaron aos seus traballos o arte de 4 palilleiras galegas
Esta mostra enmárcase na programación do PalillaD, que inclúe este sábado a primeira xuntanza na capital luguesa de 300 palilleiras de Galicia, Asturias e Castela León, que palillarán en vivo na Praza da Horta do Seminario
- Tema
- Alcaldía,
- Cultura e Turismo
A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, e o Presidente da Deputación, Darío Campos, inauguraron este xoves na Capela de Santa María a exposición do PalillAD, que amosa como se mestura o arte de palillar coa moda e a decoración. A mostra conta con 19 pezas, como traxes de cerimonia ou lámpadas, todas elas elaboradas por profesionais galegos, que incorporaron aos seus traballos o encaixe de palilleiras de Lugo e A Coruña. A exposición, de entrada gratuíta, estará aberta ata o 25 de xullo. É unha das actividades do programa co que o Goberno da Deputación, coa colaboración do Concello de Lugo, pon en valor o labor das palilleiras, na procura da promoción deste arte tradicional como único dinamizador para a economía da provincia.
A exposición acolle pezas de Franco Quintáns, deseñador e modisto de traxes de noiva, cerimonia e festa, procedente de Vilagarcía de Arousa; Ana Miguéns,deseñadora de complementos de decoración, tamén de Vilagarcía de Arousa; e Pilar Cupeiro, artista lucense multidisciplinar, especializada na elaboración de luminarias. Estes profesionais incorporaron aos seus traballos o encaixe de 4 palilleiras das provincias de Lugo e A Coruña. Son Marisa Hermida, Milagros Vázquez, Ana María Aneiros e Mª Dolores Vázquez.
O horario da mostra é de luns a venres, de 10:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas. Sábados, domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas.
1ª xuntanza de palilleiras en Lugo
A programación do PalillAD conta cunha xuntanza de 300 palilleiras de Galicia, Asturias e Castela León, que terá lugar o vindeiro sábado, 17 de xuño, na Praza Horta do Seminario. De 11:00 horas e 13:00 horas, e de 16:00 a 19:00 horas, estas profesionais palillarán ao vivo. Haberá un mercado de materiais para o encaixe grazas á colaboración da Asociación Agulla Máxica de Lugo. Nos establecemos hostaleiros da zona ofreceranse menús con prezos especiais grazas á colaboración da Asociación Provincial de Hostaleiros.
Trátase do primeiro encontro de palilleiras na cidade lucense. Participarán artesáns de Lugo, Ourense, A Coruña, Oviedo e León. Palillarán agrupadas por colectivos intercambiando os seus coñecementos e amosando o seu traballo a todos os asistentes ao encontro.
Obradoiros
O PalillAD inclúe 6 obradoiros, impartidos pola galega Milagros Vázquez, sobre a iniciación ao encaixe, nivel medio e perfeccionamento das técnicas de encaixe moderno, remate, fío máxico, encaixe ruso e cinta. Os cursos están dirixidos a palilleiras e persoas que queiran iniciarse na disciplina do encaixe.
Terán lugar os días 20, 22 e 29 de xuño e 6, 13 e 20 de xullo na Capela de Santa María en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.Os interesados deberán enviar un correo a info.centrad@deputacionlugo.org [1] co obradoiro solicitado, datos persoais e número de teléfono.