Raúl Gil Burés, de Rianxo, faise co primeiro premio do XIX Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre de Lugo
Concorreron 37 pintores chegados de distintas cidades galegas e españolas
O xurado, integrado por Alejandra Iglesias, Xoán Manuel Guerreiro e Lomarti destacou o altísimo nivel dos participantes
- Tema
- Desenvolvemento local
Raúl Gil Burés, de Rianxo, resultou gañador da XIX edición do Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre ‘Cidade de Lugo’, mentras na categoría de artista local a vencedora foi Gema López González.
A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro destacou na cerimonia de entrega de premios a participación acadada por este certame, no que se inscribiron 40 participantes que, ademais de Lugo, proceden de distintas localidades de Galicia como: Alfoz, Castro de Rei, Ferrol, Rianxo, Noia, Vigo, Pontevedra, Cambados, Castro Caldelas ou A Coruña; e doutros puntos da xeografía española como Córdoba, Granada, Boadilla del Monte, Móstoles, Avilés, León, Burgos ou Lleida. A edil manifestou que “esta concorrencia confirma o prestixio nacional deste certame”.
Dende primeira hora da mañá, os pintores participantes escolleron un lugar dentro do recinto amurallado no que traballar á vista da mirada de visitantes e curiosos, convertendo deste xeito durante todo o día as rúas do centro da cidade nun grande museo ao aire libre.
O xurado, que se reuniu diante da Casa Consistorial para valorar as obras presentadas, estivo composto por Alejandra Iglesias Suárez, deseñadora e artesá da firma “Mi madre no me deja”; Xoán Manuel Guerreiro Vázquez (Guerreiro), pintor e Juan José López Martínez (Lomarti), escultor.
Tras deliberar, decidiron outorgar premio aos seguintes participantes:
1º Premio (1.600 euros e diploma) a Raúl Gil Burés (Rianxo, A Coruña)
2º Premio (1.100 euros e diploma) a Salvador Ribes Villalba (Guadassuar, Valencia)
3º Premio (900 euros e diploma) a Richard García Rodríguez (Móstoles, Madrid)
E cinco accésits de 300 euros e diploma:
1 a José Luis Gacría Miranda (Vigo)
2 a José María Sande Gutiérrrez (Granada)
3 a Abraham Pinto Mendoza (Utrera, Sevilla)
4 a Andrés Gabarra Cagiao (Ferrol)
5 a Joan Carles Pérez Sullá (Torrefarrera, Lleida)
Premio especial de 450 euros e diploma ao artista local:
A Gema López González
Exposición dos cadros participantes
A partir do momento do ditame do xurado, que tivo lugar ás 18.00 horas na Praza Maior, os autores dos cadros non premiados tiveron a posibilidade de poñer á venda as súas obras, asinándoas e poñéndolles na parte traseira o seu importe. A exposición ao aire libre prolongouse ata as 20.00 horas.
Posta en valor do patrimonio arquitectónico
Segundo explicou Maite Ferreiro, o valor deste certame de Pintura ao Aire Libre ‘Cidade de Lugo’, que se consolida ano a ano, é triple, xa que serve “para atraer un importante número de artistas á nosa cidade, consolidar Lugo como destino cultural e para poñer en valor o noso importantísimo patrimonio arquitectónico”, dixo na clausura.