A Alcaldesa descubre a placa conmemorativa do décimo aniversario da apertura da residencia de maiores Sanyres
Lara Méndez destacou a importancia da existencia de grupos como Sanyres, que traballan a diario para mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas maiores
- Tema
- Alcaldía,
- Benestar social
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, visitou este mércores a residencia de maiores Sanyres Lugo, con motivo da celebración do seu décimo aniversario. Durante o acto, ao que tamén asistiron as Concelleiras de Benestar Social e Cultura, Ana Abelleira e Carmen Basadre, así como a directora do centro e o director xeral de Sanyres, Montserrat Escudero e Ramón Berra, respectivamente, a rexedora descubriu unha placa conmemorativa.
Na visita ao centro, no que residen 168 persoas, a Alcaldesa destacou a importancia da existencia de grupos como Sanyres, “que traballan a diario de cara a mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas maiores” e agradeceu o labor de cada unha das persoas que traballan nesta residencia, “sen os que realmente sería imposible sacar adiante este servizo”.
Lara Méndez tamén agradeceu o traballo dos maiores, “grazas aos que as novas xeracións tivemos a oportunidade dun futuro mellor. É de xustiza social devolverlles todo e cando deron e canto están dando, pois o 70% dos avós e avoas coidan ou coidaron dos seus netos, e o 49% fano a diario”.
“As políticas sociais son a esencia do Concello de Lugo, o que máis inviste de Galicia neste eido e o cuarto de toda España, un 21% do Orzamento, é dicir, uns 19 millóns de euros destinados a políticas sociais”, segundo asegurou a rexedora.