A Alcaldesa coñece os obradoiros de conducción cun simulador de alta inmersión que se celebran esta semana en Lugo
- Tema
- Alcaldía
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, visitou este mércores os obradoiros de conducción cun simulador de alta inmersión que se están a impartir esta semana na cidade, unha iniciativa da Mutua Asepeyo, en colaboración co ISSGA (Instituto de Seguridade e Saúde de Galicia). O obxectivo destas xornadas, nas que participaron unha ducia de traballadores municipais, é previr os accidentes laborais de tráfico, os sinistros in itinere, tendo en conta que o 70% dos sinistros se deben a factores humanos, tales como a alta velocidade ou a conducción baixo os efectos do alcol. Dirixidos tanto a usuarios noveles como a conductores experimentados, os participantes teñen a oportunidade de experimentar cun simulador que recrea todo tipo de situacións, coñecer os conceptos básicos de seguridade viaria e as distintas situacións que se poden atopar no tráfico rodado e que permite avaliar as habilidades de conducción. Deste xeito, poden sentir como se conduce ante diferentes escenarios: en situacións meteorolóxicas adversas, en estado de embriaguez, somnolencia ou ante a inxestión de medicamentos. A experiencia contribúe a que sexan conscientes dos perigos durante os desprazamentos ao volante e o que se pretende é que os participantes transmitan o aprendido entre os seus compañeiros de traballo. Dos case 500.000 accidentes laborais, 55.000 son de tráfico e dos 580 accidentes mortais no traballo, 170 son de tráfico.