A Alcaldesa asegura que o diálogo social será unha “tónica constante” neste mandato
Lara Méndez reuniuse cos presidentes da Xunta de Persoal e do Comité de Empresa, Manuel Louzao e Eduardo Risco
A funcionarización do persoal laboral fixo e a elaboración dunha nova RPT son dous “grandes obxectivos” que abordará o Goberno cos representantes dos traballadores
- Tema
- Alcaldía
A Alcaldesa, Lara Méndez, mantivo este mércores unha reunión cos presidentes da Xunta de Persoal e do Comité de Empresa do Concello, Manuel Louzao e Eduardo Risco, respectivamente, un encontro “fructífero”, no que “os tres consensuamos que o diálogo social será unha tónica constante” no mandato que vén de arrancar, subliñou a rexedora. A xuntanza de hoxe foi unha “primeira toma de contacto” cos representantes dos traballadores, despois do percorrido que realizou a Alcaldesa polos servizos municipais para coñecer a todos os empregados públicos.
Dous dos grandes obxectivos “que vamos a abordar”, explicou Méndez, son a funcionarización do persoal laboral fixo e a elaboración dunha nova Relación de Postos de Traballo (RPT) para actualizar a existente, do ano 2010, medidas que “serán moi positivas para os traballadores, para a propia institución, e redundará tamén no conxunto dos cidadáns, que é sempre a nosa finalidade”. Outras cuestións tratadas foron a posibilidade de implantar un sistema de fichaxe e a distribución do complemento de produtividade.
“Non sabemos se vamos poder conseguir todo neste mandato, pero o que temos claro é que temos a obriga de intentalo a través dun diálogo en dobre dirección, dos órganos de goberno aos traballadores e dos traballadores aos órganos de goberno. Temos moita ilusión e moitas ganas”, asegurou a Alcaldesa, quen lembrou que a vindeira semana o equipo de goberno estará a pleno rendemento, polo que “iniciaremos as primeiras tarefas” no eido laboral.
Audio
- Declaracións da Alcaldesa tras a reunión cos presidentes da Xunta de Persoal e do Comité de Empresa do Concello | Descargar mp3 [1]