As adxudicatarias das obras municipais quedan exentas da taxa por ocupación de vía pública
A tramitación e inicio dos proxectos gaña axilidade con esta medida, que elimina os impedimentos que tales trámites e gastos supoñían para que as empresas participasen na licitación ou asumisen obras menores e urxentes
- Tema
- Economía,
- Impostos
As empresas adxudicatarias das obras impulsadas e financiadas polo Concello de Lugo quedan exentas do pago da taxa por ocupación de vía pública. Trátase daquelas obras que os contratistas executan con suxeición ao proxecto e aos consecuentes pregos de condicións particulares, e as entregan á Administración ao seu remate.
En base a un informe emitido polos servizos técnicos municipais, o Goberno adoptou esta medida, que ademais de unificar criterios na entidade local, axiliza a tramitación e, polo tanto, o inicio da execución das obras, e elimina tamén os impedimentos que tales trámites e gastos supoñían para que as empresas participasen na licitación pública ou asumisen obras menores e urxentes.
A exención de taxas está fundamentada na xurisprudencia, que considera que a Administración pública contratante é o suxeito pasivo ou beneficiario da utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público, polo que o contratista non está suxeito ao pago da taxa por ocupación de vía pública.