Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (http://concellodelugo.gal)

Inicio > 22 emprendedores lucenses comezan a súa formación ‘en liña’ e gratuíta co V Inicia Coworking do Concello e a EOI

22 emprendedores lucenses comezan a súa formación ‘en liña’ e gratuíta co V Inicia Coworking do Concello e a EOI

O edil de Desenvolvemento Local, Mauricio Repetto, inaugurou hoxe o curso que, por primeira vez, se realizará de xeito telemático debido á actual situación de alerta sanitaria

O concelleiro subliñou que “é un momento óptimo para seguir formándose dende a casa e aproveitar as posibilidades que nos brindan as novas tecnoloxías no ámbito da ensinanza a distancia”

Un total de 89 persoas xa se beneficiaron deste programa nas anteriores convocatorias, creando 350 postos de traballo directo, máis os indirectos, e cun índice de supervivencia das empresas dun 75%

  • Tema
    • COVID-19,
    • Emprendemento,
    • Novas tecnoloxías
Xoves, 02 de abril de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
22 emprendedores lucenses comezan a súa formación ‘en liña’ e gratuíta co V Inicia Coworking do Concello e a EOI

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Mauricio Repetto, inaugurou hoxe, a través de videoconferencia, a quinta edición do programa Inicia Coworking, impulsado polo Concello e a Escola de Organización Industrial (EOI) e cofinanciado polo Fondo Social Europeo. Trátase da iniciativa dirixida a emprendedoras e emprendedores lucenses que contan cunha idea de negocio e desexan realizar un proxecto viable para poñer en marcha as súas propias empresas, ou ben, mellorar a competitividade das mesmas, ofrecéndolles asesoramento individualizado e totalmente de balde.

En total, 22 proxectos de diferentes sectores empresariais foron seleccionados para participar nesta nova edición do programa, dos cales o 50% corresponden a mulleres e o 50% a homes. Como novidade e, debido á actual situación de alerta sanitaria provocada polo COVID-19, a formación semanal e as titorías realizaranse ‘en liña’, seguindo o modelo de ensinanza e-learning, a través da plataforma da EOI “Blackboart Collaborate”.

Maurio Repetto dirixiuse aos participantes e sinalou que “para o equipo de goberno de Lara Méndez o emprego é unha prioridade: queremos reter en Lugo o talento dos e das lucenses e, por iso, temos en marcha numerosas iniciativas coas que dinamizar o tecido empresarial, á vez que apoiamos a cultura do emprendemento. Neste senso, consideramos que é fundamental achegar os recursos necesarios para que as persoas cunha idea de negocio conten coas ferramentas e o coñecemento necesario para poder dar os seus primeiros pasos no ámbito empresarial. Motivo polo que volvemos apostar pola celebración do Inicia Coworking”.

O edil engadiu que “o temor ao que está acontecendo fóra non nos pode paralizar, é un momento óptimo para seguir formándose dende a casa e aproveitar as posibilidades que nos brindan as novas tecnoloxías no ámbito da ensinanza a distancia ou ensinanza en liña. Neste senso, contaredes cunha plataforma áxil e intuitiva que, xunto coa colaboración do equipo docente, facilitaravos o labor de aprendizaxe, e guiaravos a través de diferentes actividades coas que optimizar o voso espírito emprendedor”.

Repetto explicou que “nas anteriores convocatorias xa participaron 89 persoas, creándose 350 postos de traballo directos, máis os indirectos, e cun índice de supervivencia do 75% das empresas que xurdiron a raíz desta iniciativa”.

O programa terá unha duración de 5 meses e constará de 60 horas lectivas, durante as cales se formará aos participantes en ámbitos como a metodoloxía Lean-Canvas, o desenvolvemento e a validación do modelo de negocio, o plan comercial e as técnicas de venda, a oratoria, ou o plan de marketing dixital, entre outros aspectos. Ademais, contarán con titorías personalizadas que lles axudarán a materializar a súa idea de negocio.

Audio

  • O concelleiro de Desenvolvemento Local, Mauricio Repetto, durante o comezo do V Inicio Coworking | Descargar mp3 [1]

URL fonte: http://concellodelugo.gal/gl/novas/22-emprendedores-lucenses-comezan-sua-formacion-en-lina-e-gratuita-co-v-inicia-coworking-do

Ligazóns:
[1] http://concellodelugo.gal/sites/default/files/020420_mauricio_repetto_-_v_inicia_coworking.mp3