As XXXV Xornadas Penitenciarias Lucenses abordarán as novas adiccións e novas formas delictivas, coa colaboración do Concello

A alcaldesa presentou este venres a 35 edición das xornadas organizadas pola Asociación Penitenciaria Concepción Arenal que terán lugar o 25 e 26 de outubro.

Lara Méndez: “O manexo de smartphones e outros dispositivos dixitais a idades temperás conlevan certos riscos, que aumentaron durante a pandemia e que debemos abordar”.

O programa das xornadas levarase a cabo no auditorio do Vello Cárcere e incluirá a tradicional entrega das medallas Concepción Arenal.

Venres, 22 de outubro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
As XXXV Xornadas Penitenciarias Lucenses abordarán as novas adiccións e novas formas delictivas, coa colaboración do Concello

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou este venres as XXXV Xornadas Penitenciarias Lucenses que terán lugar os días 25 e 26 de outubro no auditorio do centro cultural O Vello Cárcere organizadas pola Asociación Penitenciaria Concepción Arenal baixo o título “Novas adiccións, novas formas delictivas”.

Na presentación tamén participaron a presidenta da asociación, Elvira Fernández, e o secretario, Víctor Fraga; así como os directores dos centros penitenciarios de Monterroso e Bonxe, Antonio Rivera e José Manuel Pernás.

Lara Méndez explicou que “estas xornadas son unha cita obrigada e imprescindible, que sempre trae temas actuais e de interese, coa finalidade de debater e sacar conclusións no ámbito do poder xudicial” e celebrou que “poidan volver a realizarse presencialmente na cidade de Lugo, despois de que a pasada edición tivera que levarse a cabo telemáticamente por mor da pandemia”.

A rexedora quixo felicitar á Asociación pois “evento cumpre este ano 35 edicións convertido nun referente; nesta ocasión, o tema central serán as novas adiccións e novas formas delictivas, relacionadas coa mocidade e o uso de dispositivos dixitais”.

Neste senso, a alcaldesa apuntou que “o manexo de smartphones, tablets e demais dispositivos dixitais a unha idade cada vez máis temperá conleva certos riscos, que aumentaron durante a pandemia e que como sociedade debemos abordar. E para iso é fundamental a información e o coñecemento, co fin de favorecer un uso responsable, e adecuado á idade dos menores, das novas tecnoloxías”.

Neste senso, destacou que, segundo os estudos, máis da metade dos estudantes (62,7%) recoñecen aumentar o seu tempo fronte á pantalla nesta crise e case o 100% dos mozos até 24 anos conéctanse a internet por diversión, e hai un aumento significativo do número de horas dedicado a esta actividade: 2,5 horas antes da pandemia e 3,5 horas actualmente.

“A dependencia destes dispositivos e, polo tanto, a adicción ao seu uso é un problema real co que convivimos hoxe en día e que pode supoñer malos hábitos ou comportamentos indebidos. Dende o Concello estamos traballando en alternativas saudables e de lecer para a mocidade, poñendo á súa disposición de xeito totalmente gratuíto cursos de formación, obradoiros ou actividades deportivas e culturais, coas que queremos contribuír a unha educación e ocio seguro e responsable”, engadiu.

Programa das xornadas

Luns, 25 de outubro

19:00h Apertura a cargo de Lara Méndez López, alcaldesa de Lugo.

19:15h Entrega de medallas Concepción Arenal.

19:30h Conferencia “Adiccións sen substancias, mozos e problemas de comportamento” Relatora: Carmen Tristan Antona, conselleira técnica da Unidade de Sistemas de Información e Documentación do Observatorio Español das Drogas e as Adiccións, da Delegación de Goberno para o Plan Nacional Sobre Drogas. Modera: Francisco Javier Fernández Eiros, técnico municipal do Servizo de Prevención de Drogas do Concello de Lugo.

Martes, 26 de outubro

19:00h Mesa redonda “Menores, novas tecnoloxías e formas delituosas”. Relatores: Ramón Pena Pérez e Héctor Méndez Fernández, representantes do Plan Director para a Convivencia e mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas contornas e Plan maior seguridade, da Comandancia da Garda Civil, así como colaboración de asociación AGALURE, A Coruña. Modera: María Sara Pendas Álvarez, xuíza de Menores de Lugo.

20:30h Clausura a cargo de Isabel Rodríguez López, subdelegada do Goberno en Lugo.

Audio

Multimedia

  • As XXXV Xornadas Penitenciarias Lucenses abordarán as novas adiccións e novas formas delictivas, coa colaboración do Concello

Noticias relacionadas