As XXII Xornadas Penitenciarias lucenses explicarán as modificacións do Código Penal en materia de seguridade vial

Luns, 29 de setembro de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, acompañada por Marina Cillero, presidenta da Asociación Concepción Arenal, por Blanca Rodríguez Pazos, delegada de vicepresidencia, e por Sinesio Pérez, e o responsable da área social de Caixa Galicia, presentaron a XXII edición das Xornadas Penitenciarias Lucenses.

Terán lugar no Salón de Actos da Fundación Caixa Galicia ao longo dos días 13, 14, 15, 16 e 17 de outubro e como xa é habitual nestas xornadas, desenvolverase un tema de máxima actualidade como é o relativo ao Aspectos de Lei Orgánica 15/2007, pola que se modifica a Lei Orgánica 10/1995, de 23 de novembro, do Código Penal en materia de seguridade vial.

Carmen Basadre felicitou “a esta asociación por tratar a fondo temas de máxima actualidade como todo o relativo á seguridade vial”. Destacou ademais a importancia da prevención e reinserción social que os organizadores das xornadas tratan o venres 17 de outubro. Basadre destacou a importancia de concienciar de que “o alcohol e o consumo de outras drogas son causantes de moitos dos accidentes de mozos e mozas”.

Destacou que a Asociación Concepción Arenal sempre trata temas “moi interesantes e de actualidade, como por exemplo os cambios na lexislación, que se tratan nesta ocasión, son os primeiros en explicarllos á xente”.

Marina Cillero, Presidenta da Asociación destacou que estaban moi contentos co traballo realizado ata o de agora e agradeceu a colaboración continua do Concello e do resto de administracións implicadas.

Cinco días de traballo
Son cinco xornadas de traballo que comezan o vindeiro luns día 13 de outubro coa inauguración por parte do Presidente da Deputación provincial de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, a entrega das medallas Concepción Arenal e a conferencia: Novos delitos contra a seguridade vial, que será ás 20:00 horas e na que intervén María Trapero Barreales, profesora de Dereito Penal da Facultade de Dereito da Universidade de León. O moderador será o Director Xeral da UNED de Lugo, José Luis Prieto Arroyo.

O día 14 ás 12:00 horas terá lugar a segunda conferencia: Gestión delegada del servicio de Medidas Penales Alternativas para el Departamento de Justicia de la Generalitat de Catalunya. Fundació Institut de Reinserció Social, na que intervén Arnau Mateu Adrover, Director Técnico da Fundació IRES e modera María Xosé Veiga Buján, deputada provincial.

O día 15 a conferencia é Dereito administrativo sancionador en materia de tráfico, na que intervén Julio González Diez, xefe provincial de Tráfico de Lugo e modera Xoán Carlos Vidal, presidente da Asociación da Prensa e Delegado da TVG en Lugo.

O día 16 o relatorio versará sobre O impacto da nova lexislación na execución das penas de prisión e traballos en beneficio da comunidade e da suspensión da execución das penaa privativas de liberdade. Recursos humanos e materiais. Intervén Elena Puerta Martín, Subdirectora Xeral de Medio Aberto e Medidas Alternativas da Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias. Modera Elvira Paloma Fernández Domínguez, xurista do Corpo Superior Técnico de Institucións Penitenciarias e subdirectora de Tratamento do E.P. de Monterroso.

O último día haberá unha mesa redonda ás 20:00 horas sobre a Situación da atención xurídica, psicolóxica e social a persoas baixo a influencia das drogas tóxicas, estupefacientes, substancias psicotrópicas e bebidas alcohólicas (prevención e inserción social).

A inscrición será gratuíta e poderase solicitar información no correo electrónico: apca@apca.e.telefonica.net ou no teléfono: 982 25 00 03.

Noticias relacionadas