A XVII Feira de Produtos do Campo e Artesanía da Milagrosa celebrarase os días 23, 24 e 25 de maio

Mércores, 07 de maio de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, a Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, e o Presidente da Federación de Asociacións Veciñais de Lugo, Jesús Vázquez, presentaron a 17ª edición da Feira de Produtos do Campo e Artesanía do Barrio da Milagrosa.

A cita, que terá lugar os días 23, 24 e 25 de maio, reunirá a máis de 100 expositores que estarán situados na Praza Agro do Rolo. A Feira de Produtos do Campo e Artesanía pretende ser unha mostra do mellor dos produtos de toda a provincia, como o queixo do Cebreiro; o viño da Ribeira Sacra; os embutidos de Sarria ou as filloas de Muimenta, entre outros.

Ademais, na cita estarán presentes expositores de toda Galicia e doutros puntos da xeografía española, como León, Zamora, Asturias, ou mesmo de Portugal. Os produtos gastronómicos non serán os únicos que ocuparán os stands, senón que tamén haberá postos con maquinaria agrícola, plantas ou produtos téxtiles.

A feira, que se vén celebrando coincidindo coa festividade de San Isidro por ser de tradición no barrio, comezou a súa andaina para rememorar as orixes rurais de moitos dos veciños da Milagrosa. Ademais das diversas actividades que se realizarán, destaca a celebración de tres festas gastronómicas que son un dos reclamos da feira. O broche final á feira será a entrega dos Premios Xosé Carballido, ós postos que conten con maior aceptación entre o público.

Multimedia

Noticias relacionadas