Xuventude retoma as asesorías xurídicas, con atención, principalmente, virtual

Para facer uso deste servizo de escoita, información, apoio e orientación, que é de balde; será necesario enviar un mail ao enderezo asesoriavirtual.concellodelugo@gmail.com

Está dirixido exclusivamente á mocidade e nel garántese a confidencialidade e intimidade

Martes, 03 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Xuventude retoma as asesorías xurídicas, con atención, principalmente, virtual

A área de Xuventude, que dirixe Ana González Abelleira, recupera, como cada ano tras o inicio das clases, as asesorías dirixidas, exclusivamente, á mocidade lucense. Neste caso, adaptarase ao novo escenario provocado pola Covid-19 e poderán ser ben de xeito presencial ou virtual, mais a Concellería recomenda a atención online. Manterase o horario que se viña ofrecendo deste servizo, a asesoría xurídica, os luns e mércores de 19:30 a 21:00 horas, para temas administrativos, civil, penais ou laborais; e a psicolóxica, os martes e xoves, de 18:00 a 20:00 horas. Arrincarán o vindeiro luns, 9 de novembro.

Os encontros en liña, que xa se viñan facendo durante o confinamento, terán lugar a través da plataforma gratuíta Google Meet. Celebraranse en sesións individuais de máximo 30 minutos de duración. Para participar será necesario solicitar cita previa enviando un email ao enderezo: asesoriavirtual.concellodelugo@gmail.com. De non ser posible a atención virtual, tamén se solicitará este servizo no mesmo correo electrónico e especificarase que se solicita atención presencial, que será na Casa da Xuventude e non no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra, tal e como se viña facendo nos últimos anos.

Neste correo as mozas e mozos interesados deberán achegar os seus datos persoais (nome, apelidos, DNI, data de nacemento e teléfono de contacto) así como un consentimento expreso para compartir imaxe en vivo co Concello. A continuación recibirán unha confirmación, co día e a hora da asesoría. Así mesmo, 15 minutos antes de que teña lugar o encontro online, os participantes recibirán no seu email un código para introducir na plataforma Google Meet co que acceder á reunión.

Este servizo de escoita, información, apoio e orientación é de balde e nel garántese a confidencialidade e a intimidade das persoas usuarias.

Noticias relacionadas