Xuventude reforzará e impartirá on line as asesorías xurídicas e psicolóxicas para a mocidade lucense durante o confinamento

A edil González Abelleira explicou que “é fundamental atender as numerosas inquedanzas que está a provocar a situación actual”

Os encontros serán individualizados e en sesións de 30 minutos de duración

Para participar será necesario solicitar cita previa enviando un email ao enderezo: asesoriavirtual.concellodelugo@gmail.com

Venres, 17 de abril de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Xuventude reforzará e impartirá on line as asesorías xurídicas e psicolóxicas para a mocidade lucense durante o confinamento

O Goberno de Lara Méndez, a través da área de Xuventude, impartirá de xeito online asesorías xurídicas e psicolóxicas destinadas á mocidade lucense, mentres se manteña a actual situación de alerta sanitaria. Así o informou a edil de Igualdade, Muller e Xuventude, Ana González Abelleira, quen explicou que “o confinamento e peche das instalacións municipais non nos permite continuar coas asesorías xuvenís como se estaban a celebrar de forma presencial, motivo polo cal decidimos ofrecerlle á mocidade a posibilidade de retomar este servizo, de maneira virtual”.

Trátase da iniciativa que a entidade local puxo en marcha para atender, de balde, as posibles dúbidas que lles poidan xurdir aos mozos e mozas lucenses á hora da súa incorporación ao mundo adulto. “Cremos que é fundamental atender as numerosas inquedanzas que está a provocar a situación actual e, por iso, ofrecemos este espazo para que a mocidade poida recibir asesoramento individualizado, dende as súas casas, sobre aquelas cuestións que lles preocupan ou sobre circunstancias que non saben como afrontar”, engadiu a concelleira.

Os encontros en liña terán lugar a través da plataforma gratuíta Google Meet mantendo os horarios das asesorías, en sesións individuais de máximo 30 minutos de duración. Para participar será necesario solicitar cita previa enviando un email ao enderezo: asesoriavirtual.concellodelugo@gmail.com.

Neste correo os interesados deberán achegar os seus datos persoais (nome, apelidos, DNI, data de nacemento e teléfono de contacto) así como un consentimento expreso para compartir imaxe en vivo co Concello. A continuación recibirán unha confirmación, co día e a hora da asesoría. Así mesmo, 15 minutos antes de que teña lugar o encontro online, os participantes recibirán no seu email un código para introducir na plataforma Google Meet co que acceder á reunión.

Servizos ofertados

  • Asesoría xurídica, horario de 19:30 a 21:00 horas, os luns e mércores: Temas administrativos (axudas publicas...); Civil (hipotecas...); Penais (violencia de xénero...); Laborais (ERTE), etc.
  • Asesoría psicolóxica, horario de 18:00 a 20:00 horas, os martes e xoves. As asesorías psicolóxicas son un servizo de escoita, información, apoio e orientación, dirixido exclusivamente á mocidade de Lugo, no que se garante a confidencialidade e a intimidade das persoas usuarias.

Audio

  • Aedil de Igualdade, Muller e Xuventude, Ana González Abelleira, sobre as asesorías xuvenís | Descargar mp3

Noticias relacionadas