Xuventude aposta neste semestre pola formación, o ocio e a vida saudable con accións coa restauración e nas áreas musicais e deportiva

O edil de Xuventude presentou a programación do semestre cos cociñeiros do Bulló e Cachivaches, cos que a xuventude coñecerá como funciona a restauración.

O Concello aposta por impulsar novidosas e amenas accións nos ámbitos formativos, musicais, de ocio e do deporte, así como accións que impulsen unha vida saudable.

A participación en cada actividade seguirá unha rigorosa orde de inscrición, que poderá realizarse na web xuventudelugo.gal.

Mércores, 09 de febreiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Xuventude aposta neste semestre pola formación, o ocio e a vida saudable con accións coa restauración e nas áreas musicais e deportiva

O goberno de Lara Méndez, a través área de Xuventude, que dirixe Mauricio Repetto, presentaba esta mañá as actividades incluídas na programación para o primeiro semestre do ano, dirixida á mocidade activa de Lugo de entre 14 e 35 anos.

O edil destacou que “intentamos mesturar na programación formación en aqueles nichos de emprego que poden resultar interesantes para á mocidade con accións que permitan que desenvolvan as súas vocacións con iniciativas de ocio e de vida saudable”.

A presentación foi no restaurante Bulló Xantar, que, xunto con Os Cachivaches, acollerá unha actividade na que “se explicará aos mozos e mozas como funciona o negocio da restauración e da cociña, como se prepara os menús ou como se organiza o negocio, entre outras accións que permiten que estes establecementos sexan atractivos para o público”, sostivo o concelleiro, que estivo acompañado dos cociñeiros Álvaro Villasante, Alejandro Méndez e Diego López, que serán estes dous últimos, os encargados desta acción os días 23 de febreiro no Bulló Xantar e o 3 de marzo nos Cachivaches.

Así mesmo, se porá en marcha un novidoso curso orientado ao pilotaxe, mantemento e posta a punto de coches de radio control, dirixida a 36 mozos, que será impartida no circuíto de radio control do Parque de Frigsa, así como cursos de monitor en tempo libre e iniciación e perfeccionamento de apicultura.

O edil puxo en valor tamén os cursos de socorrismo, moi demandados dentro da mocidade e con moitas posibilidades de inserción laboral, “que é unha acción formativa que non toda a xente moza pode permitirse sufragar porque ten un custe elevado a pesar de que todos os anos quedan prazas de socorristas en toda Galicia sen cubrir” apuntou o edil.

Entre as propostas que se porán en marcha de febreiro a xuño figuran moitas modalidades deportivas tales como a defensa persoal, a escalada ou o ioga, “actividades que nas que participaron preto de 300 mozos e mozas de Lugo no semestre pasado e que estamos seguros serán de novo un éxito neste ano”, explicou o concelleiro.

En canto ás afeccións musicais, Mauricio Repetto explicou que “incluiremos algunha novidade logo de atender ás peticións dos máis novos, incorporando a creación dun grupo de percusión, onde 30 mozos e mozas recibirán formación baseada  na cultura  brasileira e africana, co obxectivo de ofrecer un  traballo de interacción, participativo e divertido”. Ademais, desenvolverase un obradoiro de Theremin, o único instrumento musical controlado completamente sen contacto físico directo.

Nesta primeira metade do ano haberá espazo para actividades seguras e en contacto co medio ambiente tales como as rutas de montaña, rutas entre viñedos ou unha ruta con raquetas á neve, xa que pensamos que “é fundamental, que os nosos mozos e mozas teñan contacto ca natureza” apuntaba o edil.

Ademais, en vista do éxito que acadou o pasado ano, Mauricio Repetto anunciou que continuará o ciclo de masterclass online de nutrición. “Será os terceiros xoves de cada mes, dende febreiro a xuño, ás 18:00 horas nas redes sociais oficiais de Xuventude e nelas abordaranse temas como o etiquetado nutricional, os mitos e realidades da nutrición e a perda de graxa, cómo mellorar a calidade de vida”, sinalou o edil.

Tamén está incluído, dentro da programación de Xuventude, o Scape Room Semana Santa Magic, que terá lugar os días 10,11,12 e 13 de abril, na casa da Xuventude. Así como un taller de moda circular, xa que “reciclar e reutilizar de forma creativa roupa, axudará a implicar aos mozos e mozas no coidado do noso planeta, ao tempo que damos nova vida a moitas prendas que non usamos e que, unha vez remate o taller exporemos para que toda a cidadanía vexa o resultado” apuntaba o edil.

Para poder participar nestas actividades, os e as mozas deberán inscribirse a través da web xuventudelugo.gal. A asignación das prazas seguirá unha rigorosa orde de inscrición.

Audio

  •  O edil de Xuventude, Mauricio Repetto, sobre a programacion cara a Xuventude | Descargar mp3

Noticias relacionadas