Xuvenlugo regresa o venres para encher de lecer e diversión o Nadal lucense

Carmen Basadre, Antonio Veiga e Rubén López, presentaron este mércores a 18ª edición de Xuvenlugo, unha alternativa de ocio e deporte dirixida a todos os públicos

Xuvenlugo abrirá as súas portas do 4 ao 8, do 11 ao 13, do 18 ao 23 e do 25 ao 30 de decembro, así como do 1 ao 4 e do 8 ao 10 de xaneiro, de 16:30 horas a 20:30 as atraccións mecánicas e de 16:30 a 21:00 horas o resto de actividades

Mércores, 02 de decembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Xuvenlugo regresa o venres para encher de lecer e diversión o Nadal lucense

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga e o xerente do Pazo de Feiras e Congresos, Rubén López, presentaron este mércores no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a 18ª edición de Xuvenlugo, unha alternativa de lecer e diversión para o Nadal. O Concello realiza unha achega económica de 7.500 euros para estas actividades dirixidas a todos os públicos.

Durante o acto de presentación, Basadre destacou o rotundo éxito deste salón “tan sinalado no calendario das familias lucenses, que foi medrando ano tras ano”. Tal e como avanzou a edil, “este tipo de actividades nas épocas de lecer escolar facilitan ademais a conciliación da vida familiar e laboral, pois dentro de Xuvenlugo existen ludotecas xestionadas por monitores debidamente experiemtnados e cualificados”.

“O día 8 de xaneiro será o día dedicado ao Concello e polo tanto todos os nenos e nenas entrarán de xeito gratuíto para gozar destas actividades”, subliñou Basadre ao tempo que convidou a todas as familias a compartir este espazo no que os máis cativos compartirán experiencias con outros nenos da súa idade procedentes de diferentes puntos de Lugo, da provincia e incluso de Galicia.

Horarios e actividades

Xuvenlugo abrirá as súas portas do 4 ao 8, do 11 ao 13, do 18 ao 23 e do 25 ao 30 de decembro, así como do 1 ao 4 e do 8 ao 10 de xaneiro, de 16:30 horas a 20:30 as atraccións mecánicas e de 16:30 a 21:00 horas o resto de actividades. Os días 24 e 31 de decembro o recinto permanecerá pechado.

Como en anteriores edicións, Xuvenlugo ocupará os dous pavillóns e o corredor que os une, dentro das instalacións do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. Estará dividido en diferentes partes: unha área lúdica, cunha ludoteca inchable para os máis cativos, piscina de bolas, xogos recreativos, piscina waterball e barquiñas, un circuíto de minigolf ou atraccións mecáncias; e unha área deportivo-lúdica con circuítos, bolas inchables ou karts, entre outros.

Durante Xuvelugo, os rapaces recibirán a visita de personaxes tradicionais das nosas festas como o Apalpador. Tamén, o 23 de decembro, Papa Nöel visitará as instalacións do Pazo para recoller as cartes dos máis cativos e repartir caremalos, entre as 18:30 e as 20:30 horas.

A entrada xenérica ao salón de lecer é de 6 euros, existindo bonos desconto para grupos.

Multimedia

  • Xuvenlugo regresa o venres para encher de lecer e diversión o Nadal lucense

Noticias relacionadas