A Xustiza considera que o Concello foi “profusamente respectuoso” coa contratación no proxecto da cuberta de Quiroga Ballesteros

O Contencioso tumba todos os argumentos da demanda do Colexio de Arquitectos e sostén que foi unha decisión “intachable que busca o bo fin da execución do contrato, procurando obter a mellor calidade do proxecto que finalmente resulte seleccionado”

A sentenza, non recorrible, sostén que o Goberno incluso permitiu a publicidade e a concorrencia, requisitos no esixidos na tramitación dun contrato menor

Martes, 12 de marzo de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Colexio de Arquitectos de Galicia perdeu a demanda que interpuxo ante o Concello de Lugo polo procedemento de adxudicación do contrato de servizos para a redacción do proxecto de peonalización e humanización e a execución da cuberta na rúa Quiroga Ballesteros, tras concluír o Contencioso Administrativo de Lugo que a administración local “foi profusamente respectuosa cos principios que rexen a contratación pública”.

Na sentenza, a xuíza tombou un a un todos os argumentos do COAG, que consideraba que o procedemento elixido non se axustaba a un contrato menor senón a un concurso de proxectos, polo que conculcaba as esixencias de tramitación. Non obstante, o Contencioso Administrativo considera que si se axusta a un contrato menor e que, polo tanto, “non se observa que existise infracción da Lei de Contratos do Sector Público”.

Sostén a sentenza que as bases aprobadas polo Concello para a adxudicación deste contrato menor “foron profusamente respectuosas cos principios de contratación pública” e que “ningún reproche pode esixirlle á Administración, debendo recoñecer que a actuación administrativa foi escrupulosamente respectuosa co procedemento legalmente establecido, ofrecendo unhas garantías que perfectamente podería ter obviado”, en referencia a que permitiu a publicidade e a concorrencia de varias propostas, requisitos no esixidos na tramitación dun contrato menor.

Tras tombar á totalidade dos argumentos, a xuíza asegura que “en definitiva, é unha decisión intachable que busca o bo fin da execución do contrato, procurando obter a mellor calidade do proxecto que finalmente resulte seleccionado”.

O COAG, ademais, deberá abonar as custas procesuais. Fronte a esta sentenza, non cabe interpor recurso ordinario algún.

Noticias relacionadas