Xustiza comprométese con Méndez a dotar de inmediato a Lugo da estrutura de persoal correspondente a un novo Xulgado do Social

A alcaldesa Lara Méndez pechou este compromiso coa ministra Dolores Delgado onte no Ministerio tras semanas de contactos permanentes para desbloquear a situación.

A estrutura, que é a correspondente a unha unidade xudicial, consolidarase xa como un novo órgano se a carga de traballo se mantén no tempo.

Sábado, 23 de marzo de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Xustiza comprométese con Méndez a dotar de inmediato a Lugo da estrutura de persoal correspondente a un novo Xulgado do Social

O Ministerio de Xustiza dotará a Lugo da estrutura de persoal correspondente a un novo xulgado do Social, co reforzo dun xuíz, un letrado e tres funcionarios (tramitadores), para que se poida activar canto antes o necesario apoio aos tres xulgados do social lucenses, que sofren unha importante sobrecarga de traballo.

Con esta estrutura, que é a que corresponde a unha unidade xudicial xa que conta co mesmo número de efectivos, axilizarase ao máximo a posta en marcha destes reforzos e permitirá que no menor prazo posible, de apenas uns meses, se atendan as causas pendentes sen esperar a que se cre o novo órgano xudicial, xa que os previstos non estarían en marcha ata o ano 2020, segundo sostivo onte a Ministra de Xustiza, Dolores Delgado, durante a reunión de traballo que mantivo coa alcaldesa Lara Méndez en Madrid para desbloquear a situación dos xulgados.

O compromiso de Xustiza concretouse nesta reunión no Ministerio despois de varias semanas de contactos permanentes entre o Concello lucense e os técnicos do Ministerio para darlle unha resposta o máis áxil posible a carga de traballo xudicial. O Concello tamén mantivo un contacto permanente co Colexio de Avogados de Lugo.

Segundo os datos facilitados pola Xunta de Galicia ao Ministerio, a xurisdición Social de Vigo é a que atravesa unha situación máis complexa cunha sobrecarga de traballo dun 165%, cunha media de entrada de 1.322 asuntos, seguida da de Santiago, cunha sobrecarga dun 151% e unha media de 1.210 asuntos, e xa de terceira Lugo, cunha sobrecarga de 148% e unha media de 1.181 asuntos. Entre as valoracións, destaca, segundo información dos técnicos do ministerio, que os de asuntos de Vigo e Santiago están a ser os de maior complexidade.

O Consello Xeral do Poder Xudicial será o que deberá comunicar ao Ministerio e a Xunta de Galicia a posta en marcha destes reforzos, xa que o maxistrado e o secretario dependen da institución ministerial, mentres que os tramitadores dependen da Administración Autonómica.

O Ministerio, sostivo Dolores Delgado, dará luz verde ao novo Xulgado do Social de Lugo xa como novo órgano xudicial se a carga de traballo se mantén no tempo en Lugo e preséntase como un problema estrutural. Ao dispor xa da estrutura de persoal e do gasto asignado, a tramitación será moito máis rápida.

Noticias relacionadas