A Xustiza ampara a decisión do Concello de convocar un novo concurso da ORA

O Alcalde proponlle á oposición deixar que sexa a futura Corporación quen redacte a nova Ordenanza e convoque o concurso da ORA

Xoves, 16 de abril de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde, José López Orozco, amosou hoxe a súa satisfacción pola sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 que lle dá a razón ó Concello de Lugo na decisión do Goberno local de convocar un novo concurso para adxudicar a xestión da ORA.

A sentenza que ampara a decisión do Concello resolve a favor das teses defendidas pola administración municipal un recurso que interpuxera a empresa Doal.

O Alcalde expresou a súa satisfacción polo fallo xudicial, a preguntas dos xornalistas, ó tempo que destacou que a resolución do Xulgado do Contencioso demostra que “fixemos ben as cousas”.

López Orozco avanzou que a súa intención é consultar os próximos pasos cos grupos políticos da oposición, se ben adiantou que a súa proposta é agardar ás eleccións municipais do 24 de maio, para que sexa a nova Corporación a que elabore a nova Ordenanza de Regulación do Aparcamento e, conforme a ela, redacte o novo prego para convocar a xestión deste servizo municipal.

O Alcalde destacou que o novo concurso será unha oportunidade para modernizar o sistema de regulación do aparcamento e introducir modificacións na xestión, aproveitando as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías pero tamén salientou que a regulación dos aparcamentos en superficie é unha medida de aplicación xeneralizada en todas as cidades, tanto de España como do Europa e o resto do mundo, porque se fai necesario regular dalgún xeito o estacionamento de vehículos.

Tamén destacou López Orozco que, para facer máis humanas as cidades, as medidas de regulación do aparcamento deben ir parellas coa aposta pola redución do tráfico para que as persoas gañen espazos urbanos.

Por outra parte, o Alcalde reiterou o apoio do Concello a todas as iniciativas cidadás en apoio da creación do servizo de Hemodinámica 24 horas no HULA, incluída a que se propón de encher Lugo de bandeiras e pancartas con esta reivindicación dirixida á Xunta. 

Audios

  • Sobre a sentencia que permite  convocar un novo concurso para adxudicar a xestión da ORA | Descargar mp3
  • Sobre o apoio do Concello para obter o servizo de Hemodinámica no HULA | Descargar mp3

Noticias relacionadas