A Xunta participou na elección do deseño da cuberta de Quiroga Ballesteros e agora emite informe desfavorable

O Goberno ve chocante e contradictorio o comportamento de Patrimonio Cultural, pois cando estivo no xurado do concurso de ideas que convocou o Concello para escoller o deseño da estrutura non manifestou nin tan sequera que houbera risco de que algunha das propostas presentadas, tampouco a gañadora, puidese ter reparo

A pesar deste novo non da Xunta a Lugo, o Exeuctivo seguirá traballando para conseguir un espazo cuberto na cidade

Xoves, 14 de febreiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Goberno de Lugo considera cando menos chocante, contradictorio e ilóxico que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta veña de emitir un informe desfavorable sobre o proxecto da cuberta da rúa Quiroga Ballesteros cando un representante deste mesmo departamento autonómico formou parte do xurado do concurso de ideas que convocou o Concello para elixir o deseño da estrutura, e nese momento non manifestou nin tan sequera que houbera risco de que algunha das propostas presentadas, tampouco a gañadora, puidese ter reparo de Patrimonio. O Executivo decidiu precisamente incluír entre os membros do xurado un arquitecto deste departamento da Xunta para garantir a viabilidade da iniciativa.

O Goberno cre que o impacto estético da cuberta na fachada da praza de abastos ao que alude a Xunta para informar desfavorablemente o proxecto non está debidamente xustificado, sobre todo cando os condicionantes que marcaron o deseño foron precisamente a necesidade de dar continuidade á conexión de ambos mercados a nivel de planta baixa, o respecto polos dous edificios que delimitan lateralmente o espazo, a diferencia de linguaxe de cada un dos dous inmobles, a diferencia de alturas entre eles e a presencia de elementos próximos catalogados de carácter relixioso. Isto é, o deseño garantiu un especial coidado co patrimonio do entorno e as súas características.

De feito, polo seu máximo respecto á protección dos elementos patrimoniais, o Concello decidiu ser totalmente garantista neste eido e solicitar informe á Patrimonio Cultural, aínda non sendo preceptivo, nin vinculante.

A pesar deste novo non da Xunta a Lugo, o Goberno local seguirá traballando para conseguir un espazo cuberto na cidade.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre a cuberta de Quiroga Ballesteros | Descargar mp3

Noticias relacionadas