A Xunta Local de Seguridade decide as competencias para regular o tráfico na Ronda Este e no Hospital

Venres, 11 de febreiro de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Subdelegado do Goberno, José Vázquez Portomeñe, presidiron hoxe a reunión que celebrou no Concello a Xunta Local de Seguridade, á que tamén asistiron o Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade e representantes das Policías Nacional, Autonómica e Local, da Garda Civil e a Unidade de Tráfico.

Na xuntanza acordouse que a Garda Civil será a encargada de vixiar o tráfico na zona da Ronda Este, desde a rotonda da Campiña ata a rotonda de Castelo, na estrada da Fonsagrada, mentres que a Policía Local farase cargo do tráfico nos viais perimetrais do Hospital Lucus Augusti, segundo comunicou o Alcalde trala reunión da Xunta Local de Seguridade.

Ademais o Alcalde e o Subdelegado do Goberno manifestaron que Lugo segue a ser unha cidade moi segura, como demostran os datos. “Os lucenses temos que sentirnos orgullosos da nosa policía”, dixo o Alcalde quen considerou que “estes datos só se explican polo comportamento cívico dos cidadáns de Lugo e polo extraordinario traballo que fan os corpos de seguridade”.

Tamén o Subdelegado do Goberno felicitou ás forzas de seguridade e asegurou que “os datos do ano 2009 melloráronse no 2010”.

Na demarcación policial de Lugo, diminuíron un 1,27% as infraccións penais desde xaneiro de 2010 ata decembro do mesmo ano. A maior taxa de descenso deuse nos delitos denunciados, que baixaron un 7,22%, mentres que as faltas aumentaron lixeiramente.

Hai que destacar o aumento na eficacia das actuacións policiais (delitos clarexados), xa que medrou case un 60% no caso dos delitos, mentres que a media galega foi do 34,46%.

O Subdelegado do Goberno informou tamén de que no ano 2010 producíronse un total de 2.492 delitos e faltas, o que representa un descenso do 1,27% e foron detidas 786 persoas.

Multimedia

Noticias relacionadas